O comité de Serviplus Total denuncia os incumprimentos laborais e a falta de medidas de preventivas
O Comité de Serviplus Total SL, concesionaria da xestión integral dos centros polideportivos do servizo de conserxería das instalacións deportivas da Coruña, denuncia que a empresa non está a respectar o establecido no convenio de aplicación nin o recollido no prego de contratación, no tocante ao regulado para a promoción do emprego interno.
Así mesmo, a empresa tampouco cumpre as normais laborais relativas á Saúde e Seguridade Laboral, "non tendo nin sequera convocada a constitución do Comité de Seguridade e Saúde e non facilitando a formación dos delegados/as de prevención". Xunto a isto, alertan que Serviplus Total "leva a cabo interpretacións do IV Convenio de Instalacións Deportivas de Galiza de maneira prexudicial para as persoas traballadoras".
O comité explica que todas estas cuestións, que xa foron denunciadas ante a Inspección de Traballo, están afectando ao servizo, "xa que este deterioro das condicións laborais provoca tamén un deterioro do servizo que ao final recae sobre todas as nosas usuarias e usuarios, que non se merecen que a falta de control e supervisión do Concello sobre a empresa concesionaria, a pesares da multitude de veces que temos denunciado estas cuestións ante a Concellería de Deportes, afecte ao servizo que reciben".
Neste senso, o comité lembra que ten denunciando estes incumprimentos diante do Concello da Coruña nas reunións coas diferentes concelleiras e concelleiros ao cargo do departamento de Deportes, a propia empresa e tamén ao longo das últimas semanas nas xuntanzas cos grupos políticos da oposición da corporación municipal.
Cómpre destacar que Serviplus Total xestiona os servizos complementarios da Ciudad Deportiva da Torre; dos campos de fútbol da Zapateira, San Pedro de Visma, antiga Leyma, A Grela e Eirís; do frontón longo de Riazor; do Pazo dos Deportes de Riazor; e das instalacións polideportivas de Riazor, Labañou, As Roseiras, Novo Mesoiro, Sagrada Familia, Barrio das Flores e San Francisco Javier.