O comité de salvamento e socorrismo da Coruña retoma a folga indefinida desde o 28 de agosto
O comité de empresa do servizo de Salvamento e Socorrismo dos areais da Coruña vén de anunciar que retomará, a partir do venres día 28 de agosto, a folga indefinida -que suspenderan para facilitar as negociacións- porque a empresa se nega a “pagar polo noso traballo”.
Denuncian a ausencia de avances, xa que a empresa recoñece que deben as horas extra que están a facer para poder levar a cabo o servizo requirido polo concello. Horas que superan o tempo de traballo recollido en convenio e respecto das que chegaran a un acordo ao comezo da tempada de verán que a empresa rachou de forma unilateral.
Por iso acordaron retomar a folga indefinida a partir do vindeiro venres, día 28 de agosto, á espera de que o concello, co que teñen concertada unha xuntanza para este xoves, medie e resolva o conflito.