Despois de máis de vinte meses sen acordo, o comité de Regonosa decidiu acudir ao AGA (Acordo Interprofesional Galego) para intentar desbloquear o conflito laboral aberto coa empresa pola demanda dun convenio colectivo e de condicións de traballo xustas. A dirección aceptou a solicitude, polo que agora o comité agarda que a empresa acuda con vontade real de avanzar nun achegamento sobre as cuestións fundamentais que afectan ao persoal.
Desde a súa elección en decembro de 2024, o actual comité vén defendendo a necesidade dun primeiro convenio colectivo para Reganosa, fronte ao modelo de pacto que pretende manter a dirección. “O obxectivo, explican, é estabelecer un marco estábel de relacións laborais, con garantías de ultraactividade que eviten a perda de dereitos mentres se negocian novos acordos”.
Critican que a última proposta económica da empresa continúa a ser insuficiente, ao contemplar incrementos salariais limitados, revisións do IPC sometidas a topes e parte das retribucións mediante pagas non consolidábeis. Mais, aclaran que o conflito “vai moito máis alá dos salarios”, xa que seguen sen resolverse cuestións fundamentais como a regulación das quendas e da dispoñibilidade, o recoñecemento das horas extraordinarias, a consolidación dos incrementos derivados da avaliación do desempeño ou a garantía de igualdade de oportunidades no acceso á formación.
A esta situación súmase o deterioro das condicións sociais do persoal, coa retirada dos seguros médico, de vida e accidentes, a perda de garantías económicas durante as baixas laborais e cantidades pendentes de aboamento por obxectivos, así como outros conceptos retributivos.
O conflito laboral viuse tamén agravado polo despedimento disciplinario de dous traballadores de Operacións, “nun contexto de discrepancias sobre a aplicación do sistema de correquendas, un dos principais focos de desacordo entre a empresa e a representación social”. Estes despedimentos producíronse precisamente cando o comité, “recollendo o chamamento ao diálogo trasladado desde o Parlamento de Galiza, propoñía retomar as negociacións para buscar unha saída ao conflito”.
"Queremos un acordo, pero non a calquera prezo"
O comité indica que acode ao AGA con vontade de diálogo e cunha disposición demostrada a flexibilizar as súas posicións para facilitar un acordo, pero considera que a solución pasa necesariamente por abordar os problemas de fondo e por que a dirección realice tamén un esforzo real de achegamento.
“Queremos un acordo, pero non a calquera prezo. A solución non pode consistir en perder dereitos, renunciar a garantías ou consolidar un retroceso nas condicións laborais do persoal”, aseveran.
A representación social subliña que Reganosa está considerada como unha empresa estratéxica para Galiza, polo que “a responsabilidade, experiencia e profesionalidade dos seus traballadores e traballadoras deben ter correspondencia nunhas condicións laborais dignas, estábeis e acordes coa importancia da actividade que desenvolven”.