O comité de Reganosa critica que a planta xera beneficios pero as condicións de traballo empeoran ano tras ano

Advirten que tomarán as accións legais e sindicais necesarias ante a nula vontade negociadora da empresa
Mugardos - 06 Mai 2026

O comité de Reganosa (3 CIG, 2 UGT) critica a falta de vontade negociadora da empresa e a negativa reiterada a mellorar as condicións laborais e salariais do persoal, malia que a planta de Mugardos está a pleno rendemento e xerando beneficios ano tras ano.

Denuncian que, despois de levar anos tentando que a compañía negocie un convenio digno e  a pesar destes bos resultados económicos, as condicións de traballo seguen empeorando ao punto de que, neste momento, se lles aplica o Estatuto das persoas traballadoras con algunhas melloras económicas consolidadas.

Ademais, Reganosa nin sequera garante o mantemento do poder adquisitivo dos seu persoal ao negarse a asegurar a actualización conforme ao IPC, “algo dificilmente xustificábel nunha empresa destas características e, ademais, participada pola Xunta” (que ten o 28% do capital).

O comité critica que tampouco se respectan os tempos de desconexión dixital xa que a empresa “chámanos cando lle convén”, modificando quendas de xeito arbitrario e dificultando o descanso e a conciliación familiar “como se puidesen dispor das nosas vidas”. Estes feitos xa foron denunciados ante a Inspección de Traballo, pero a empresa “ampárase nunha interpretación da normativa que, supostamente, lle permite manter estas prácticas”, polo que finalmente o comité veuse na obriga de presentar demanda no xulgado.

Para a representación social que non se respecten este dereito constitúe “unha enorme gravidade” tendo en conta as características da planta regasificadora, na que “calquera erro pode causar un accidente e a falta de descanso incrementa o risco de cometer fallos”. Porén, “malia que lle trasladamos en moitas ocasións estes feitos á propia empresa a súa resposta foi sempre a mesma, non facer nada”.

Os traballadores e as traballadoras apelan á responsabilidade da compañía (da que o Grupo Gadisa é a principal propietaria con case o 60% do accionariado) para que sente negociar cunha vontade real de chegar a acordos que permitan mellorar as condicións laborais e salariais e garantir o dereito ao descanso e a conciliar.

“Xa non estamos en situación de agardar máis. A nosa disposición a resolver este conflito mediante a negociación é total. Pero se a empresa pretende continuar como até o de agora, estamos máis que preparados e preparadas para actuar sindical e legalmente”, aseveran.