O comité de POVISA exixe que as súas reivindicacións figuren no acordo ao que se chegue co SERGAS
O comité de empresa de Povisa concentrouse a primeira hora da mañá diante do Parlamento de Galiza para exixir que o persoal non quede á marxe dos acordos aos que se chegue entre a empresa e o SERGAS. A este respecto, María Xesús Neira, portavoz do Comité, e representante da CIG, advertiu que “moito nos tememos que negociarán entre eles, chegarán a un acordo, nós quedaremos fóra del e dentro duns anos volveremos a estar nas mesmas, cando se decida que non chegan os cartos, pola razón que sexa, e se intente volver negociar”. Por iso insistiu en que “é primordial para nós que nese acordo figuren as nosas reivindicacións”.
No hospital de POVISA, que conta cun total de 1420 traballadores/as, presentouse un preconcurso de acredores a finais do mes de setembro. Nese momento a empresa denunciou que o concerto co SERGAS “era ruinoso” e daba perdas e reclamou máis cartos para facerlle fronte a todos os gastos. A partir de aí iniciouse un proceso de negociación entre ambas as partes sen que, de momento, se chegara a un acordo, agás no relativo á farmacia de alto impacto, que vai xestionar o SERGAS.
Independentemente desa negociación que están levando a cabo entre eles, o persoal demanda que nese acordo se recolla a mellora das súas condicións laborais e o mantemento dos postos de traballo. Neste sentido, Neira subliñou que “non estamos aquí para mediar nesa negociación. Ese é un problema que hai entre SERGAS e hospital, que teñen que solucionar eles”.
Como comité de empresa, o que lles preocupa, e niso insistiu a portavoz do comité, é que se melloren as súas condicións para poder garantir unha atención de primeira calidade ás usuarias e usuarios de POVISA porque “o hospital está integrado dentro da rede sanitaria pública. Atende a unha parte importante da poboación e as e os usuarios de POVISA non poden ser de segunda categoría”.
Convenio conxelado desde hai 8 anos
O convenio está conxelado desde decembro de 2010. Intentouse pór o convenio provincial, pero foi tombado por sentenza xudicial. Neira lembra que “o que se alegaba xa naquel momento é que non había unha estabilidade porque non estaba asinado un novo concerto, porque só había prórrogas”.
Porén, en 2014 asinouse un novo concerto no que tanto a empresa como a dirección do SERGAS saíron en todos os medios dicindo que vai dar estabilidade laboral e económica ao hospital. “Intentamos negociar o convenio colectivo, chegamos a ter unha mediación para iso e non se negociou. Catro anos despois o que se di é que ese concerto dá perdas, que é ruinoso e nós volvemos estar outra vez no medio das súas negociacións, sen terse en conta para nada as nosas reivindicacións. Queremos unha estabilidade laboral e económica, que é o mínimo nun hospital que presume de ter tantos premios e de ser o número un de atención ao usuario. Debe investir tamén nas súas traballadoras e traballadores”.
María Xesús Neira resumiu as demandas do comité en: que se negocie por fin o convenio colectivo; que se negocie unha suba salarial, “porque temos os soldos conxelados desde hai 8 anos”; que se volva ás 40 horas a todo o persoal ao que se lle impuxeron xornadas de 35 horas e que se aumente o cadro de persoal, “porque o actual é insuficiente para atender o volume de usuarios/as que temos”.