O comité de Povisa denuncia cunha protesta a inacción da Inspección de Traballo ante os incumprimentos da empresa
O comité de empresa do hospital Ribera Povisa da Vigo mobilizouse hoxe diante da Inspección de Traballo para denunciar a inacción deste organismo diante dos incumprimentos por parte da compañía. A representación sindical anunciou novas protestas para reclamar a negociación dun novo convenio colectivo tras 11 anos sen suba salarial e sen melloras laborais.
A concentración desenvolveuse na rúa Cánovas del Castillo de 10:00 a 12:00 horas para rexeitar a actitude da Inspección con respecto a Povisa, xa que o organismo acumula denuncias sen contestar dende hai máis dun ano referentes a incumprimentos no que ten que ver con prevención de riscos e saúde laboral, convenio colectivo, funcións do persoal e información á representación sindical. “Por incumprir Povisa incumpre até os requirimentos da propia Inspección, sen que a autoridade laboral faga nada ao respecto”, lamentan dende a CIG.
Por outra banda, o comité de empresa anunciou a celebración de novas mobilizacións para a semana que vén co obxectivo de forzar a dirección a negociar un convenio colectivo digno tras 12 anos sen suba salarial e sen melloras laborais. Deste xeito, para o martes 22 convoca unha concentración diante do hospital de 14:00 a 16:00 horas, tempo no que se levará a cabo unha manifestación polos arredores do centro médico; e para o xoves 24 unha nova concentración diante do hospital de 10:00 a 12:00 horas.
A dirección de Povisa decidira de xeito unilateral suspender as conversas hai un mes mentres os traballadores/as continuasen coas protestas. Mais o comité de empresa apostou por continuar coas medidas de presión e agarda que a compañía achegue pronto unha nova proposta de convenio que mellore a anterior e que garanta unhas condicións laborais dignas.