O comité de Política Social de Pontevedra mobilízase na Xunta en Vigo para reclamar máis persoal
O comité de empresa da Consellaría de Política Social da provincia de Pontevedra desenvolveu onte una concentración diante do edificio administrativo da Xunta en Vigo para reclamar máis persoal e unha atención axeitada para persoas maiores e para as persoas de emerxencia social.
A mobilización foi convocada tras o acontecido a finais de agosto no CRAPD Vigo 2, onde unha traballadora foi agredida sexualmente por un residente do centro. Dende o comité levan tempo denunciando as situacións que se dan nos centros de maiores (agora centros de atención a persoas dependentes) a raíz do ingreso nos mesmos de usuarios/as con patoloxías psiquiátricas e/ou con adiccións.
Diante disto, demandan máis persoal, atención axeitada e especializada para cada tipo de usuarios/as e espazos adecuados. “En definitiva, unha atención digna e de calidade e unhas condicións laborais tamén dignas, porque non pode ser que vaiamos ao noso traballo con medo”, sinalan.
Neste senso, lamentan que a administración trate o persoal destes centros como “de segunda/terceira categoría” que a Consellaría de Política Social “non nos valore, e que Función Pública o permita”. Por iso coa protesta de onte queren deixar moi claro que “até aquí chegamos, estamos fartas/os e non imos calar nin deixar de mobilizarnos”.
Denuncia na Fiscalía
Lembran que no seu día xa puxeron a súa situación en coñecemento da cidadanía a través dos medios de comunicación e acudiron á Fiscalía, atopándose na actualidade á espera dunha resposta.
“Tamén intentaremos reunirnos coa Xefatura e coa Secretaría Xeral, pero queremos que se tomen medidas efectivas xa; non nos sirve con que se solucionen os problemas puntualmente e mal, por exemplo trasladando o problema a outras/os traballadoras/es que pola súa precariedade laboral non van protestar”.