O comité de Política Social de Pontevedra denuncia que o orzamento da Xunta mantén o recorte de dereitos
O comité de empresa da Consellaría de Política Social da provincia de Pontevedra vén de denunciar que os orzamentos da Xunta para 2020 contemplan un ano máis a suspensión do artigo 19 do convenio de persoal laboral, o que se traduce nunha perda de dereitos laborais. Dende a representación dos traballadoras/es lembran que a non aplicación deste artigo fora unha medida de carácter temporal adoptada coa escusa da crise en 2012.
Por iso non entenden que se manteña a suspensión cando a propia Xunta sostén que as contas da comunidade autónoma están saneadas, “e despois de terse adoptado medidas para a devolución de distintos dereitos suspendidos”. Por iso reclaman a derrogación inmediata da medida xa que supuxo un agravamento continuado das condicións laborais “e non existe xa xustificación para mantela no tempo”.
Lembran que a maioría das persoas afectadas por esta decisión son mulleres traballadoras que atenden os centros dependentes da Consellaría. “A suspensión do artigo 19, máis concretamente a non compensación en descanso por traballar en domingos e festivos, é un claro atentado a dereitos como a conciliación da vida laboral coa familiar e traduciuse ademais nunha maior presenza no posto de traballo ao longo do ano”.
Ademais, inciden en que desta suspensión deriváronse numerosas problemáticas laborais, sobre todo nunhas quendas de traballo “que se fan insoportábeis”. Esta situación vese agravada polo feito de que se trata de persoal cunha media de idade moi elevada que presta servizo nuns centros nos que a tipoloxía de usuarios/as require unha atención moi específica e implica unha gran carga de traballo.
Recuperar os dereitos suspendidos
A isto hai que sumarlle a tramitación, por parte da Xunta, das solicitudes de xubilación parcial. “As traballadoras/as enfróntanse a un horizonte de xubilación que pronto estará nos 67 anos de idade”. E o feito de que a suspensión do artigo 19 eliminou a compensación en descanso adicional por traballar os días 24 e 31 de decembro, “equivalente á que había por domingos e festivos”.
Tamén se perdeu o dereito garantido en convenio de librar como mínimo a metade dos domingos e festivos en cómputo anual, o que provoca que se traballen a maioría dos festivos do ano, “incidindo, unha vez máis, nun atentado contra a conciliación da vida laboral coa familiar”.
Por todo isto, dende o comité anuncian que adoptarán as medidas necesarias para denunciar esta situación. “Estamos ás portas dunhas eleccións autonómicas, e non deixaremos de facer pública a nosa situación até lograr un compromiso real por parte das forzas que se presenten ao proceso electoral co obxectivo de recuperar os dereitos laborais consolidados que nos foron suspendidos pola Xunta”.