O comité de persoal do Concello de Vigo crea unha plataforma contra a «venda» dos servizos públicos
O comité de persoal do Concello de Vigo vén de anunciar a constitución dunha plataforma para rexeitar o proceso de desmantelamento e privatización dos servizos públicos por parte do Goberno local. Baixo o nome de 'O Concello de Vigo en venda' queren denunciar tamén “o profundo desprezo” dos responsábeis municipais “ante o bo facer” dos empregados/as públicos.
Mediante a creación desta plataforma, que está a levar a cabo repartos de folletos informativos pola cidade, o comité de persoal do Concello de Vigo quere alertar sobre o “desmantelamento e a venda sistemática” dos servizos públicos de prestación obrigatoria “ao mellor postor, cando non ao mellor amigo, privatizando os servizos públicos de titularidade municipal”. Tras esta “venda” dos servizos do Concello de Vigo, “e aínda que pretendan xustificala politicamente baixo os arquetípicos e sempre falsos argumentos da mellor xestión do sector privado fronte ao público, escóndese o profundo desprezo do Goberno municipal ante o bo facer dos centos de empregados/as públicos/as que cumprimos fielmente co encargo recibido da cidadanía, a quen nos debemos sempre”.
Este proceso agocha un profundo desprezo polo bo facer do persoal público
Neste “patético proceso” no que os políticos municipais “se desentenden das súas responsabilidades públicas” para así xustificar esa venda dos servizos de titularidade municipal, a cidadanía é quen sempre paga as “nefastas consecuencias” duns servizos públicos “deficientes”, e onde o beneficio das empresas privadas redunda sempre en detrimento do servizos públicos municipais, mentres as cargas impositivas seguen sendo as mesmas para a cidadanía. “Exemplos deste feito son o transporte público e o abastecemento de auga, privatizados hai tempo”.
Como consecuencia, entenden que a seguridade da cidadanía de Vigo pola falta de policías locais e bombeiros está nestes intres seriamente comprometida. “É un feito incuestionable que ambos os dous corpos están sempre baixo mínimos e non poden garantir nin a seguridade da cidadanía nin a das propias persoas traballadoras”. Ao mesmo tempo, a falta de persoal na área de Benestar social é “igualmente dramática”, provocando, non só serios atrasos na tramitación das axudas e prestacións asistenciais que deben ser ofrecidas aos vigueses/as máis desfavorecidos/as, senón a imposible realización dunha política real e efectiva de integración social. “Isto transforma ás políticas sociais do Concello en actos de caridade e beneficencia”.
Déficit de persoal
O mesmo déficit de persoal evidénciase nos servizos esenciais do Concello, o que provoca un “intolerable atraso” na tramitación de solicitudes, licencias, reclamacións, recursos, denuncias e calquera outro trámite administrativo, co conseguinte trastorno á cidadanía viguesa que precisa dunha xestión áxil e efectiva por parte do Concello de Vigo na resolución dos seus trámites.
A non apertura de instalacións deportivas, o peche de Vigozoo, o desmantelamento do Laboratorio Municipal e diferentes departamentos do Parque Central, etc, evidencian unha estratexia privatizadora na xestión dos servizos públicos de titularidade municipal, así como o desterro das parroquias rurais nas que a implantación de servizos urbanos xunto coa nula actuación do mantemento das diferentes infraestruturas son froito da desidia desta corporación.
“O alcalde de Vigo, Abel Ramón Caballero Álvarez, aínda non se dignou a reunirse, sequera unha vez, co comité de persoal para tratar todas estas estratexias privatizadoras dos recursos públicos. Emprega a Asesoría Xurídica con fins políticos eludindo negociar os conflitos e levando ás conseguintes xudicializacións destes, malgastando o erario público froito dos impostos á cidadanía viguesa en preitos que só perseguen dilatar no tempo a aplicación de sentenzas xudiciais desfavorables, motivadas pola falta de respecto á lexislación vixente en materia de dereitos laborais e fundamentais das persoas traballadoras. Amosa o alcalde o máis absoluto desprezo á representación legal dos traballadores/as, á legalidade vixente e aos fallos xudiciais emitidos polos órganos de xustiza, que en non poucos casos quedan sen cumprir”.
Finalmente, consideran que o actual contexto de crise sanitaria, social e económica que estamos a vivir, se algo evidencia é que o sector público resulta cada vez máis preciso, “xa que é a única maneira de ofrecer unhas prestacións esenciais dignas á cidadanía de acordo cos estándares máis elementais de calidade que a poboación espera recibir do Concello de Vigo, e que, no ámbito das entidades locais, canalízanse a través do exercicio dunhas competencias de obrigada e irrenunciable prestación”.