O comité de Pescanova apraza os paros á espera de que a empresa mellore a proposta de suba salarial
O comité de empresa de Nueva Pescanova -integrado pola CIG, CCOO, UGT, USO e CUT- anunciou hoxe o aprazamento dos paros previstos para este martes 28, mércores 29 e xoves 30 á espera de que a dirección mellora a proposta de suba salarial. O cadro de persoal da compañía de alimentación con centros de traballo en Vigo, O Porriño e Arteixo reclama un convenio colectivo xusto con soldos dignos.
Dende a representación sindical explican que despois de recibir a “confusa comunicación” da empresa sobre a oferta salarial aclaran que a proposta para 2021 é dun incremento do 1%, cando a previsión do IPC ascende ao 5,3%.
Sinalan que Nueva Pescanova ofrece unha suba total do 5,5% nos catro anos de duración do convenio (un 1,3% por ano) para as categorías C e D e un 8,7% en catro anos ( 2,1 % por ano) para as categorías A e B, “da que se beneficiaría unha minoría porque aos traballadores/as con máis de 3 anos na empresa non se lles aplicaría”.
Ademais, denuncian que esta proposta está condicionada á baixada do salario base a case 600 euros. Con todo, unha vez que a empresa comunicou a súa intención de mellorar a oferta decidiron, “como xesto de boa vontade e por unanimidade de todos os sindicatos”, aprazar os paros convocados até despois da seguinte reunión.