O Comité de Modesto Carrodeguas convoca unha concentración en defensa dos empregos e para reclamar un plan de pagos
A conserveira, explica a Secretaria Comarcal da FGAMT-CIG de Ferrol, María Xosé Vizoso, conta na actualidade con 33 traballadoras fixas e 68 traballadoras fixas-discontinuas. Pero estas últimas levan sen traballar máis de dous anos. O cadro de persoal fixo reduciuse en sete persoas debido á solicitude da rescisión dos contratos por impago por parte dalgunhas/uns compañeiras/os. Xunto a isto, engade Vizoso, o persoal que continúa a traballar na empresa ten pendente de cobrar, nalgúns casos, máis de sete meses de salario.
Durante os últimos meses, e aínda que a empresa foi quen de asinar un convenio anticipado coa maioría dos acredores e mesmo acadou o aval financeiro do IGAPE, a conserveira continúa sen xerar emprego. “Esta situación tornouse dramática para un de persoal fixo-discontinuo, na súa totalidade mulleres, que ten xa esgotado hai tempo as prestacións por desemprego e se enfronta en moitos casos a situacións desesperadas”, alerta a responsábel comarcal da FGAMT-CIG.
Por parte do Comité tense solicitado á empresa que proceda a cubrir, cando menos, as vacantes de persoal fixo coas traballadoras fixas discontinuas “para tentar así aliviar a penosa situación que padece este persoal”. Así mesmo, esíxese un plan concreto de reincorporación das traballadoras e de pagos ao persoal en activo.
A conserveira Modesto Carrodeguas, lembra Vizoso, é a empresa máis grande do Concello de Cariño, “por iso que o impacto social desta situación para o Concello é enormemente negativo”. O pasado mes de novembro, o Pleno do Concello aprobou por unanimidade, e a iniciativa do Comité de Empresa presidido pola CIG, unha moción de apoio ás acción que puidese desenvolver o colectivo de traballadoras na defensa dos postos de traballo.
“Esta é a realidade da empresa, apesares das palabras propagandísticas do Conselleiro de Economía da Xunta de Galiza na súa visita de decembro pasado, na que afirmaba sen despeitearse, que a empresa acadara retomar a xeración de emprego (insulto ignominioso para as compañeiras que levan anos sen ser chamadas a traballar). A conserveira non só non xera emprego, senón que ve minguar o seu cadro de persoal”, asevera.
Fronte a esta situación, as traballadoras reclaman o mantemento dos empregos, “que se dean pasos firmes e decididos para que a fábrica volva á normalidade e se chame a xente a traballar. O Comité e o persoal teñen feito gala dunha paciencia e flexibilidade infinita co fin de facilitar a recuperación da empresa, mais esta non está a altura das circunstancias”, lamentan.
Dende o Comité e a CIG faise un chamamento ao pobo de Cariño a acudir á concentración que terá lugar o vindeiro 28 de abril, ás 20:00 horas, na Praza Roxa. “O obxectivo é facer oír a voz das traballadoras reclamando o seu dereito ao traballo, o dereito a ter un futuro nunha comarca fondamente deprimida, porque é vital que as traballadoras poidan recuperar os seus salarios e a normalidade nas súas vidas”, conclúen.