O comité de Meirama rexeita o peche e exixe que se garanta todo o emprego neste enclave produtivo
O comité de empresa de Meirama rexeita a decisión, anunciada este martes por Naturgy (antes Fenosa), de pechar a central en 2020. Fronte a isto, exixe á empresa que faga as obras necesarias para adaptar a instalación á normativa medioambiental e insta á Xunta de Galiza a que lidere unha comisión que deseñe unha transición enerxética razoable e sostible no tempo cara outras tecnoloxías ou que se garantan alternativas para que se manteña todo o emprego neste enclave produtivo.
A central de Meirama é, segundo explica o presidente do comité, Bautista Vega, propiedade de Naturgy. “Trátase dunha instalación estratéxica para a xeración da enerxía eléctrica no noso país e o seu peche causaría un grave impacto económico e laboral nas comarcas afectadas, na provincia da Coruña e en xeral en Galiza, que pode pasar de ser excedentaria na produción de enerxía eléctrica a ser deficitaria”, alerta.
De se levar a cabo o cese de actividade, afectaría a uns 100 postos de traballo directos, outros tantos das auxiliares e os negocios xerados arredor da empresa.
Por iso desde o comité de empresa levan tempo demandando da Xunta de Galiza que lidere unha gran comisión que, tendo en conta a importancia do carbón mix enerxético, deseñe unha transición enerxética razoable e sostible no tempo, cara outras tecnoloxías.
Comisión de transición enerxética
Unha comisión na que, segundo matiza Vega, terían que estar a propia Xunta, os concellos afectados, os sindicatos representantivos de Galiza, os partidos políticos con representación parlamentaria e os comités de empresa afectados, así como os centros de investigación e desenvolvemento económico e enerxético.
Desde o momento en que entrou en vigor a Directiva europea de emisións industriais, en 2016, o comité comezou a mobilizarse para que se fixeran os investimentos necesarios para manter o planta de Meirama e garantir todos os postos de traballo. Á vista da inacción da empresa, mesmo chegaron a pecharse no concello de Ordes para que, desde as institucións, se presionara á multinacional para que cumprira cos seus compromisos.
Bautista Vega, lembra que, de feito, en xaneiro de 2015 o Consello de Administración de Gas Natural Fenosa, reunido en Compostela e presidido polo daquela presidente da eléctrica, Salvador Gabarró, acordara realizar as obras de transformación necesarias para adaptar ás exixencias comunitarias a central de carbón de Meirama. “Daquela o Presidente da Xunta apresurouse a anuncialo en rolda de prensa acompañado polo propio Gabarró. Polo que vemos agora non se lembra de obrigar á empresa a cumprir aquel compromiso”.
O presidente do comité denuncia que Galiza, durante moitos anos, “sufriu as consecuencias da produción de enerxía eléctrica por queimar lignito pardo e seguimos pagando a corrente como todo o Estado, a pesar de que hai comunidades que non producen un só quilowatio”. Porén, denuncia, “agora que se podería producir reducindo moi considerablemente a contaminación, por falta de investimento, queren pechar a planta”.
Normativa europea
A directiva europea de emisións industriais entrou en vigor en 2016. Dá ás empresas un prazo máximo para facer as reformas necesarias para reducir esas emisións. Do contrario, obriga a pechar as plantas que non se adapten aos requisitos previstos. Aquelas que se acolleron ao Plan Nacional Transitorio teñen até o 2020 para adaptarse e facer os investimentos necesarios. Hai outro plan, que sería por exención por vida útil e que afecta a centrais que terían que deixar de producir a partir do 2023 ou de 17.500 horas.
Meirama acolleuse ao primeiro Plan e, polo tanto, tería que facer esas reformas de adaptación á normativa comunitaria antes do 2020. Porén, levan agardando desde 2015 por eses investimentos.
Pasividade do goberno da Xunta
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril denuncia que o anuncio de peche de Meirama “confirma a crónica do que viñamos advertindo, ante unha pasividade do goberno da Xunta de cara a facer un proposta ao goberno do Estado” e confirma tamén “a desatención sistemática do que levamos denunciando á ministra de Transición Enerxética que é a necesidade de ir a unha transición sobre a base de ter un calendario no que a antiga Fenosa fixese os investimentos, como se fixo en Endesa”.
Para Carril o que é “inadmisíbel” é que empresas como Fenosa “que seguen espoliando recursos enerxéticos do noso país e acumulando unha riqueza inmensa, provoque unha situación como esta de non investir e provocar un peche co que iso significa”.
Para o secretario xeral da CIG tamén é moi grave que non se poña enriba da mesa ningunha alternativa de futuro en substitución desta central térmica á hora de producir enerxía e alerta de que “hai detrás quen presentan a enerxía nuclear como enerxía limpa e quen pretende substituír as centrais térmicas por plantas de biomasa”.
Carril exixe que se poña Meirama ao mesmo nivel que As Pontes e que se planifique un calendario no que se afronten todos os retos: como facer unha produción de enerxía descarbonizada e garantir todos os postos de traballo.
Demanda ademais que se articulen os instrumentos públicos necesarios para “facer fronte ao oligopolio das empresas eléctricas, que poñen cada os prezos máis elevados e a un nivel que destrúe emprego e provoca pobreza enerxética” mais tamén “para que en Galiza poidamos dunha vez por todas sacar proveito a unha exportación de enerxía dun 40% e a un dano brutal que se ten feito no noso medioambiente”.