O comité de Masol Iberia denuncia a falta de avances na negociación para mellorar as condicións laborais e sociais
O comité de Masol Iberia Biofuel valora de xeito positivo os investimentos anunciados polo grupo Musim Mas para a planta de Ferrol, imprescindíbeis para garantir o futuro das instalacións. Pero esta boa nova choca coa negativa da empresa a negociar unha mellora das condicións salariais e sociais que permitan avanzar na equiparación salarial do persoal dentro da planta e con outras instalacións que o grupo ten no Estado español.
Sobre o primeiro punto, explican que o pasado 14 de marzo trasladóuselle ao comité por parte do director xeral europeo de Musim Mas, que se aprobaron os investimentos pendentes nas plantas de Masol Ferrol e Cartaxena. O investimento na planta de Ferrol roldaría os 30 millóns de euros, cuns prazos de execución aproximados de 22 meses, "que faría que a planta se adaptase ás necesidades para a produción de biocombustíbeis de segunda xeración de forma competitiva".
"Valoramos moi positivamente esta decisión como un paso imprescindíbel para poder seguir sendo competitivos e dar un futuro a medio e longo prazo á nosa planta, e porque esta era tamén unha das reivindicacións que viñamos esixindo desde os cambios regulatorios da UE", indican.
Meses de negociacións infrutuosas
Pero o comité, tamén denuncia a actitude da dirección de Masol Iberia Biofuel "despois de varios meses de infrutuosa negociación" para a mellora das condicións laborais e sociais que permitan unha equiparación salarial dentro da planta e con outras plantas do grupo.
A representación do persoal propúxolle á dirección 18 puntos para negociar "co propósito de avanzar na mellora salarial, social, organizativa e de seguridade", xa que a pesar de ter tres plantas no Estado español, existen diferenzas dentro e entre elas con respecto aos mesmos grupos profesionais "que poden alcanzar até os 5.000 euros/brutos anuais" e diferenzas tamén en beneficios sociais.
Pero a dirección de Masol negou a negociación da maioría dos puntos relacionados coas diferenzas salariais, "propondo soamente subas en conceptos e aceptando puntos que son do interese da dirección, tales como a dispoñibilidade e o plus do persoal operador avanzado".
A dirección aplica medidas de presión sobre o persoal
Ademais, advirten que desde o 1 de xaneiro de 2024, coincidindo coa finalización dos acordos establecidos e ao non ser renovados, "a dirección está aplicando medidas de presión sobre os traballadores e traballadoras" como a imposición do calendario laboral; poñer en risco o persoal e as instalacións sen o persoal mínimo necesario para a produción; e a aplicación de cláusulas do convenio "sen respectar os días de aviso previo/previo aviso e aplicando incluso estas cláusulas sen fundamento".
Tamén promoveu un intento de negociación individual "para conseguir operadores avanzados, e aplicou a modificación de maneira unilateral das nóminas de todo o persoal "de conceptos que son inamoviíbeis e mal bonificados". Por isto e por outras situacións "vímonos na obriga de recorrer a vías legais como última alternativa", estándose pendente de resolución na actualidade.
O comité subliña que desde decembro do ano pasado non hai avances nin propostas por parte da dirección e até o momento non se negociaron os puntos e cuestións "que son de vital importancia para os traballadores e traballadoras". "Sufrimos o bloqueo por parte da dirección, que claramente parece non estar interesada en solucionar e negociar as diferenzas existentes para o correcto funcionamento da planta", denuncian.
Non se descarta iniciar mobilizacións
Neste contexto, o comité subliña que dende o principio tivo a negociación como primeira vía, pero a estas alturas non se descarta levar adiante ningunha media que poida aprobar a maioría de compañeiros e compañeiras no futuro.