O comité de Marfrío de Marín convoca paros parciais e mobilizacións en demanda dun convenio colectivo digno
O comité de empresa de Marfrío, empresa de alimentación con sede en Marín, anunciou a convocatoria de paros parciais e mobilizacións para reclamar un convenio colectivo digno. Os paros parciais comezarán este venres día 2 de 11:00 a 12:00 horas e de 17:00 a 18:00 horas, para cubrir as quendas de traballo, xornada na que tamén haberá unha concentración diante da compañía, no espigón norte do Porto marinense, de de 11:00 a 12:00 horas.
Segundo explican dende a FGAMT-CIG de Pontevedra, as protestas chegan tras máis dun ano negociando sen acordo a renovación do convenio de empresa, incluso con mediación do AGA, pola actitude inmobilista da dirección, que non quere evitar a perda de poder adquisitivo do cadro de persoal nin avanzar en dereitos laborais, cando precisamente o custe salarial da dirección é moi elevado. “Están máis preocupados pola propaganda que por ter unha boa empresa na que se garanta o respecto polos traballadores/as”, denuncia Xavier Aboi.
O responsábel sindical adianta que os paros terán continuidade o vindeiro mércores 7 e venres 9 no mesmo horario. “Porque non se pode permitir que unha empresa que en tempos era a avanzadilla en dereitos sociais e laborais, que logo eran copiados por outras compañías do sector de alimentación, trate así ao seu persoal e non permita un convenio con dereitos que garanta o poder adquisitivo”.