O comité de Maderas Iglesias responsabiliza os bancos do máis que probable peche da empresa
O comité de Maderas Iglesias, compañía do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante, responsabiliza as entidades bancarias do máis que probable peche da empresa. Dende a representación sindical censuran a actitude dos bancos, que presentaron unha denuncia contra a a compañía por incumprimento do convenio cos acredores, poñendo en grave risco a súa supervivencia e a dos 170 postos de traballo que quedan nunha firma que chegou a liderar o sector a nivel mundial.
Segundo indican dende o comité, presidido pola CIG, a denuncia presentada polos bancos -propietarios da maior parte da débeda- vai supoñer a desaparición da empresa, que entrará en liquidación no caso de que non apareza un inversor, algo moi pouco probable tendo en conta que até o de agora non se produciu a pesar das supostas xestións realizadas pola Xunta neste sentido.
Precisamente para a abordar a situación e a posibilidade de atopar unha saída a este novo episodio que pon en perigo a continuidade de Maderas Iglesias a representación sindical e o Goberno galego, a través do Igape, manterán unha xuntanza nos vindeiros días por iniciativa do comité de empresa. “O xoves puxéronse en contacto con nós, e hoxe mesmo está previsto que se fixe a data da reunión”, sinalan dende a representación sindical.
Con todo, critican que a Xunta se comprometera no seu día a informar sobre calquera novidade a respecto da situación da empresa ou da actuación dos bancos. “Mais no último ano non tivemos ningunha comunicación, até o punto de que descoñecíamos tanto a existencia da denuncia dos bancos como a sentenza posterior”.
Mellor momento da empresa
Ao mesmo tempo, sinalan que se dá a casualidade de que a sentenza que declara incumprido o convenio cos acredores chega cando a empresa “se atopa no mellor momento dos últimos anos, con carga de traballo, e co compromiso por parte da dirección de liquidar esta semana todas as débedas salariais que mantén co cadro de persoal”.
Por iso din non entender como os bancos optaron por presentar unha denuncia que significará a caída da compañía e instan a Xunta a implicarse na solución dunha problemática provocada pola denuncia dos bancos e derivada da mala xestión da propiedade da empresa e do impacto da crise económica. “Ten que facer todo o posíbel para garantir a continuidade de Maderas Iglesias e evitar a desaparición de 170 empregos, porque do contrario será cómplice da desaparición dunha compañía punteira no sector”.
Precisamente con este obxectivo o comité de empresa xa iniciou contactos cos Concellos das localidades onde residen a maior parte dos traballadores/as para reclamarlles o seu apoio a estas reivindicacións.