O comité de Maderas Iglesias considera insuficientes os empregos que garanten as ofertas de compra presentadas

Insta a Xunta a implicarse na busca de novas propostas que permitan conservar un maior número de postos de traballo na empresa do Porriño
O Porriño - 22 Ago 2023

O comité de empresa de Maderas Iglesias, compañía do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa en proceso de liquidación, considera insuficientes os postos de traballo que contemplan as dúas propostas de compra recibidas até o de agora e insta a Xunta a implicarse na busca de novos inversores que permitan a conservación dun maior número de empregos.

Dende a representación do cadro de persoal explican que a propia administración concursal da empresa confirmou o pasado venres a existencia de dúas ofertas de compra da unidade produtiva, que nestes momentos emprega un total de 165 persoas nas instalacións do Porriño. Unha delas, correspondente a un grupo empresarial vigués, contempla a conservación de 76 postos de traballo; mentres que a segunda, presentada por un grupo vasco a través dunha filial cántabra, mantería unicamente 70. 

Unha das ofertas conservaría 76 empregos e a outra 70 dun total de 165 

Por iso o comité agarda que antes de que remate o prazo para a presentación de ofertas o vindeiro 31 de agosto cheguen novas propostas de adquisición que permitan o mantemento do maior número de empregos, algo que a representación sindical leva reclamando dende que a xuíza instou á liquidación da empresa tras a reclamación xudicial presentada polos bancos.

Neste senso, reclámalle á Xunta e ao Igape que se impliquen e colaboren na busca de novos inversores interesados en Maderas Iglesias, “tal e como se comprometeron con nós en distintas ocasións”. Deste xeito, a pesar de considerar positivo que existan propostas de adquisición da unidade produtiva, agardan que se poidan garantir unha maior cantidade de postos de traballo.

O contido detallado das dúas ofertas de compra existentes até o de agora foille trasladado hoxe ao cadro de persoal de Maderas Iglesias por parte do comité de empresa na asemblea celebrada nas instalacións do Porriño. Neste encontro fíxose fincapé en que calquera das operacións que se poida levar a cabo na compañía ten que ser autorizada antes polas entidades crediticias propietarias da maior parte da débeda.