O comité de Lousame advirte que o envío do lixo a Sogama incumpre a normativa ao mesturarse todos os tipos de residuos

Reclaman a recuperación da actividade nas instalacións e garantías de mantemento dos 60 postos de traballo
Santiago de Compostela - 19 Feb 2026

Representantes das centrais sindicais e do comité de empresa da planta de tratamento de residuos de Lousame compareceron este xoves en rolda de prensa para informar da situación laboral tras a finalización da actividade nas instalacións do Barbanza e denunciar que a decisión de enviar os residuos da mancomunidade ao complexo de Sogama incumpre a normativa europea, xa que chega todo mesturado ás instalacións de Cerceda.

“Na planta xa non entra lixo dende o 1 de xaneiro de 2026”, ratificou Paulo Rubido, membro da Executiva Confederal da CIG. Lembrou que as instalacións viñan arrastrando unha situación complexa derivada da directriz europea que determinou o modelo húmido-seco como non válido para o tratamento de residuos sólidos urbanos, que agravou outras problemáticas previas como o financiamento, a falta de previsión da propia Mancomunidade, o avellentamento das instalacións, o colmatado do vertedoiro, etc. 

A Mancomunidade desentendeuse da planta

“Ao final non se buscou outra solución que derivar o lixo que se trataba en Lousame ás instalacións de Sogama, propiedade da administración autonómica”. Neste contexto, Rubido fixo un balanzo de responsabilidades, sinalando en primeiro lugar á Mancomunidade do Barbanza, encabezada polo alcalde de Brión en calidade de actual presidente, “xa que con esta decisión, optou por desentenderse da planta para quitar o problema de diante”.

Lembrou que a Mancomunidade deixou claro que a súa prioridade é sacar adiante a licitación do servizo de recollida de maneira separada á xestión da planta de Lousame, cuxo concurso venceu hai xa dous anos. “Nas comunicacións co comité, o presidente da mancomunidade falou de adaptar a planta  ao novo escenario, de buscar unha funcionalidade que, ademais, ocupe as 60 persoas que traballan nela, pero sen concretar absolutamente nada”, criticou Rubido.

O representante da CIG puxo a atención tamén na conselleira de Medio Ambiente “que se dedicou a saír nos medios identificando que a existencia da planta de Lousame era unha anomalía á que se poña fin e anunciando os problemas das instalacións como unha vitoria do modelo Sogama. Moi pouco di da conselleira que para validar o modelo de Sogama teña que falar do fracaso doutros modelos”.

O lixo acaba todo mesturado para o seu traslado a Sogama

Rexeitou que se aborde a problemática de Lousame en termos de vitoria política e non atendendo á solución que a planta debera ter e denunciou que a decisión de derivar o lixo a Sogama incumpre as directrices estabelecidas pola Unión Europea, xa que na planta de Lousame os residuos se seleccionaban, se trataban e se separaban “e agora non, porque os camións que recollen o lixo na Mancomunidade depositan os diferentes tipos de residuos no mesmo contedor e van para as instalacións de Sogama sen separar para ser incinerados alí, é dicir, incumprindo o funcionamento da propia Sogama”.

 Cualificou de “estafa” á cidadanía o que acontece, xa que a xente separa nas súas casas, deposita as bolsas no contedor correspondente, os camións recollen cada tipo de residuo por separado “pero logo botan todo xunto na empacadora de Compostela, dende onde se trasladarán os refugallos a Sogama”.

60 empregos en risco

Adiantou que o comité promoverá iniciativas para que se aborde no Parlamento galego este grave incumprimento e para que se busquen solucións alternativas que garantan a viabilidade dos 60 postos de traballo directos que xera a planta e cuxo futuro está no aire. Paulo Rubido subliñou que estes empregos están de xeito maioritario ocupados por mulleres e nunha comarca con escasas alternativas laborais.

 “O comité de empresa non acepta que se destrúan postos de traballo desta maneira, que se opte por un modelo de xestión que significa ignorar a normativa e non realizar ningún proceso de selección e seguirá a loitar pola defensa dos empregos”, aseverou o representante da CIG. Neste sentido, o comité adiantou que estuda convocar mobilizacións e instou a recuperar a actividade na planta de Servia e que o traslado do lixo a Sogama se limite ao rexeite, “pero non ao conxunto do lixo para permitir que se faga a selección conforme estabelecen os criterios da UE”.