O comité de Losán convoca unha nova mobilización en defensa do emprego e do futuro industrial
O comité de Industrias Losán acordou convocar unha nova mobilización co obxectivo de reclamar as catro nóminas que lle adebeda a empresa ás traballadoras e traballadores, pola continuidade da actividade industrial do grupo, na defensa dos empregos e para demandar a asunción de responsabilidades das administracións públicas implicadas.
A protesta terá lugar o próximo xoves, 26 de febreiro, ás 12:00h, diante das oficinas centrais do Grupo Losán na Coruña (situadas na rúa Casares Quiroga, 9).
Nun contexto de continua mobilización por parte das persoas traballadoras, persiste a incerteza tanto sobre o futuro dos postos de traballo como a viabilidade do proxecto industrial. A máis pesar, a empresa segue a trasladar información vaga e inconcreta sobre os avances para superar esta situación e tampouco ofrece ningún tipo de garantía.
O comité anima a todo o persoal a participar na mobilización, así como chama á solidariedade da veciñanza e organizacións locais “pois estamos ante unha crise que supera o conflito laboral”. Neste senso, advirten que está en xogo a estabilidade territorial e social de centos de familias no rural e lembran que Losán “é unha empresa con máis de 50 anos de actividade, que xera centos de empregos directos e indirectos, e que recibiu recursos públicos millonarios que deberan vincular a conservación da actividade industrial e dos postos de traballo”.
A representación legal do persoal indican que tamén se sente utilizada pola empresa como escudo humano, “alentándonos mesmo a mobilización para reclamar a acción política”. Unha situación que, critican, “casa estrañamente coa ausencia de depuración de responsabilidades da dirección da compañía”.
O comité adianta que “seguirá a mobilizarse, a reunirse coa parte empresarial e coas administracións e a sumarse a canta iniciativa sexa precisa coa fin de obter respostas veraces e compromisos reais en prol a reactivación da actividade”.