O comité de Levantina convoca unha protesta no Concello do Porriño coincidindo cunha reunión coa alcaldesa
O comité de empresa de Levantina y Asociados de Minerales no Porriño convoca unha mobilización este xoves día 4 coincidindo coa xuntanza que manterán coa alcaldesa para abordar o ERE extintivo anunciado pola dirección do grupo alacantino líder no sector da pedra natural. A compañía rebaixou o persoal galego afectado de 33 a 25 traballadores/as, pero dende a representación sindical apostan por substituír os despidos por un ERE temporal.
A concentración convocada polo comité de Levantina terá lugar diante do consistorio porriñés ás 17:30 horas, media hora antes do inicio da reunión da rexedora. Dende a representación do cadro de persoal explican que na última xuntanza da mesa negociadora do ERE, que tivo lugar hoxe en Alacante, a dirección trasladoulles unha proposta que contempla o despido de 25 traballadores/as da planta do Porriño, en lugar dos 33 previstos inicialmente. A empresa pretende que os afectados acepten unha indemnización de 23 días por ano traballado, cun tope de 13 mensualidades.
A representación sindical considera insuficiente esta proposta, ademais de apostar por un ERE suspensivo en lugar de extintivo. “Queremos que se garanta a viabilidade da empresa e que se respecten os dereitos adquiridos polo conxunto do persoal”, explican.
Este sábado celebrarán unha asemblea de traballadores/as no Porriño para abordar o estado das conversas coa dirección, que continuarán o vindeiro martes 9 co obxectivo de chegar a un acordo antes da data límite, fixada para o día 12.