O comité de Jevaso convoca paros para exixir condicións laborais dignas
O comité de JEVASO ten convocada unha xornada de folgas parciais para hoxe xoves e mañá, venres 31 de marzo, en demanda de melloras laborais e salariais para o persoal. Os paros iniciaranse na noite deste xoves 30, entre ás 22 e ás 23 horas para o persoal da quenda de noite, continuarán das 6 ás 7h para o persoal da quenda da mañá, e das 14 ás 15h para a quenda da tarde.
As folgas fanse ante o bloqueo patronal na mesa de negociación aberta despois das mobilizacións que as traballadoras e os traballadores realizaron no mes de novembro en rexeitamento á precariedade que padecen. Porén, despois de tres reunións, a dirección non só non atendeu ás demandas da parte social en materia de xornada, salario, descansos ou prevención de riscos, senón que nin sequera presentou unha contraoferta, dando a negativa por resposta a cada unha das reivindicacións baixo a escusa de que non pode asumir ningún custe económico.
A FGAMT-CIG lembra que JEVASO é unha empresa de enormes dimensións que só nos centros de traballo de Arteixo conta cun cadro de persoal de máis 600 persoas e en determinados período ten até 400 persoas máis contratadas por ETT. A compañía (que presta servizos auxiliares á industria téxtil de pasado de ferro, confección e loxística) dispón dunha capacidade económica suficiente para asumir a táboa reivindicativa sen que lle supoña ningún esforzo.
A empresa non atende nin unha soa das demandas sociais
Pero JEVASO aposta por manter na total precariedade o seu persoal e non atender reivindicacións tan básicas como cumprir co descanso efectivo de 15 minutos que estabelece o convenio colectivo, ou que as persoas que xa realizan unha xornada semanal de 40 horas non teñan que traballar 18 horas a maiores ao ano.
A dirección tampouco quere entrar a negociar a creación dun plus de transporte, que se cubran as vacantes da quenda de mañá con persoal da empresa para que opten a elas en base a súa antigüidade ou regular o abuso do uso das ETT. Sobre este punto, co obxectivo de reducir a precariedade na contratación e darlle estabilidade aos empregos, propuxose que o persoal contratado a través de ETT pase a ser persoal propio da empresa cando levan máis dun ano no centro.
Xunto a isto, o comité reclama medidas para mellorar a seguridade e a saúde laboral, cumprir coa normativa vixente nesta materia, implentar medidas para evitar as lesións polos movementos repetitivos e a manipulación de cargas; levar adiante de maneira urxente a análise dos riscos psicosociais e actuar ante as actitudes hostís dos mandos intermedios que xeran un clima laboral de tensión e estrés insoportábel.
Ante a negativa da empresa a asumir ningunha das xustas reivindicacións, o comité chama a todos os traballadores e traballadoras a secundar masivamente os paros e demostrarlle á dirección que "estamos en disposición de pelexar até lograr mellorar as nosas condicións laborais".