O comité de Isidro 1952 traslada o seu malestar co administrador concursal pola falta de información
O comité de Isidro 1952 compareceu esta mañá en rolda de prensa para trasladar o malestar coa actuación do administrador concursal "que non está trasladando información clara e concreta á representación legal das traballadoras e dos traballadores, e que nin sequera se digna a responder as chamadas nin os correos que lle enviamos".
A presidenta do comité, Olga Rodríguez (CIG), explicou que na reunión mantida o xoves da semana pasada, a primeira con carácter formal dende o seu nomeamento, o administrador explicou que ao día seguinte, venres, tiña concertada unha entrevista con representantes de Lidl en Barcelona para tantear o interese da cadea de distribución por seguir adquirindo produtos de Isidro 1952. O administrador deulle moita importancia a esta reunión xa que, dependendo do seu resultado, "proporía un ERE de extinción para o todo cadro de persoal ou valoraría retomar a produción de xeito paulatino. Diante disto, dende o comité pedíuselle que canto antes nos informara do falado con Lidl", subliñou.
Porén, unha semana despois, o persoal segue sen saber que pasou nesa xuntanza "e por se non fora abondo, enterámonos de que lle dixo a unha avogada que a súa intención é proceder ao peche inmediato da empresa. Parécenos unha tomadura de pelo a todos os traballadores e traballadoras e unha falta absoluta de profesionalidade que non nos informe de nada e que nin sequera nos devolva as chamadas nin os correos", criticou Rodríguez. A opacidade coa que actúa o administrador chega a tal punto, engadiu, "que onte soubemos polos propios compañeiros que unha empresa de Vigo está interesada en comprar as piscifactorías e que as quere visitar o próximo luns".
O administrador non nos informa de nada e nin sequera nos devolve as chamadas nin contesta os correos"
Este desleixo afonda na situación cada vez máis deteriorada que vive o persoal, xa que o administrador tampouco foi claro á hora de explicar "cando e como pretende facer fronte ao pago das nóminas". Hai que lembra que o persoal leva sen cobrar dende medidos de novembro pero ter que seguir indo a traballar (estanse elaborando ao día unhas 2000 bandexas de sushi), "sen saber cando se nos vai pagar, nin que cantidades, nin canta débeda salarial máis seguiremos acumulando".
Neste sentido, Rodríguez salientou que a única proposta presentada polo administrador até o momento foi retomar o ERE de extinción nos mesmos termos e condicións ao presentado pola dirección de Isidro 1952, "ligando todo o seu plan de viabilidade a que Lidl continúe mercándonos produción".
Pola contra, lamentou que o administrador non aceptara en ningún momento negociar un ERE temporal, pondo como escusa que o cadro de persoal está sobredimensionado para afrontar a actividade actual na empresa e que só así se podería garantir a súa viabilidade. "Isto demostra o seu absoluto descoñecemento no funcionamento dunha fábrica deste tamaño, xa que esta empresa nunca será rendíbel só con 75 traballadores/as e cunha produción axustada a ese reducido cadro de persoal", valorou a presidenta do comité.
Dende a representación social non discuten que nestes momentos non sexan necesarios todos os traballadores e as traballadoras, "pero para isto existen fórmulas alternativas, como unha suspensión temporal de emprego que nos permitiría cobrar o paro e dar marxe de tempo suficiente para buscar unha saída. Pero o administrador nin sequera quixo entra a valorar esta posibilidade".
Por todo isto, adiantou, dende o comité están valorando a posibilidade de trasladar un escrito de queixa ao xulgado do mercantil.
Reunión coa Xunta de Galiza
Por outro lado, na rolda de prensa abordouse a reunión que o mércores mantivo o comité con XES Galiza, quen informou que está buscando posíbeis inversores e que xa puxo en contacto a varios grupos interesados co administrador concursal. En calquera caso, dende a Xunta sinalaron que descoñecen a intención do administrador de pechar no inmediato a empresa sen buscar máis alternativa.
Neste punto, Mario Díaz, asesor da CIG, engadiu que, "despois de tanto tempo, dende o comité agardábamos máis concreción en canto a cales son as empresas interesadas e que problemas ven para retomar a actividade, polo que en parte saímos decepcionadas da reunión".
Entende que a Administración galega ten moito que dicir neste conflito dadas as inversións feitas nesta empresa e que os arredor de 23 millóns de euros achegados polo IGAPE e XES Galicia "non tiñan como destino encher os petos dos propietarios, senón a creación de emprego e de tecido industrial". Advertiu que permitir que desapareza unha industria como esta suporía un grave prexuízo para as arcas públicas, o emprego e para o conxunto da economía da comarca e do país, pois hai que ter en conta que Isidro 1952 é unha empresa punteira no sector e conta co único criadeiro do mundo dedicado á reprodución do ollomol.
Ademais, Díaz apuntou á aposta da Xunta e da Consellaría do Mar pola acuicultura tanto para exportación como consumo interno, "polo que entendemos que sería un gran erro que se perderan as piscifactorías e os criadeiros e os postos de traballo que xeran".
A Xunta debe dar unha resposta acaída á intencionalidade de peche que se vislumbra por parte do administrador concursal"
En canto ás instalacións do Espírito Santo, consideran que só existe unha posibilidade de relanzar a actividade neste centro, "e pasa por manter todos os postos de traballo para que a fábrica poida ser rendíbel para afrontar as débedas cos acredores e poder deste xeito resultar competitiva en todos os aspectos: dende a cría do peixe até a súa transformación e comercialización".
Por todo iso, afirmou que o papel da Xunta "non pode quedar só en boas palabras", senón que ten que actuar tanto como acredora da empresa, como na defensa dos postos de traballo e da actividade produtiva, "e debe dar unha resposta acaída á intencionalidade de peche que se vislumbra por parte do administrador concursal".
Dito isto, se non se producen avances nos próximos días, dende o comité xa adiantaron que retomarán as mobilizacións na defensa dos dereitos dos compañeiros e compañeiras.