O comité de Ilunion Lavanderías de Santiago convoca catro xornadas de folga en demanda dun convenio digno

O próximo luns, 21 de abril, o persoal concentraranse ás 14:30h nas instalacións da empresa no Polígono do Tambre
Santiago de Compostela - 15 Abr 2025

O comité de Ilunion Lavanderías de Santiago de Compostela anunciou este martes en rolda de prensa a convocatoria de catro xornadas de folga en resposta á falta de avances na negociación do convenio colectivo e ante a negativa da empresa a mellorar as condicións laborais e salariais do persoal.

Roberto Alonso, secretario da CIG-Servizos de Compostela, explicou que o persoal desta empresa (do grupo Once e que se dedica á lavandería industrial) está regulado polo convenio provincial de lavanderías e tinturerías da Coruña, que está sen actualizar dende o ano 2012.

No seu momento, para o centro de traballo do Polígono do Tambre xa se negociara un convenio propio, que non está en vigor por non axustarse á lexislación actual. Neste contexto, sinalou Alonso, e para reverter o deterioro dos dereitos do persoal, o comité iniciou coa dirección a negociación dun acordo para mellorar as condicións laborais e salariais.

As folgas desenvolveranse os días 28 e 29 de abril e os días 2 e 3 de maio

Non obstante, logo de varias reunións, a empresa limitouse a ofrecer un convenio a dous anos, cun incremento salarial de 25 euros, ampliar as horas anuais de consulta médica,  e unha suba cativa dos complementos por traballar en festivos e domingos. Unha proposta que o comité considera totalmente insuficiente, polo que acordou iniciar mobilizacións e ir á convocatoria de folga en demanda dun convenio digno.

Os paros desenvolveranse os días 28 e 29 de abril e os días 2 e 3 de maio. Ademais, o próximo luns, 21 de abril, de 14:30 a 15:30h, o persoal concentrarase diante das instalacións da lavandería (vía Pasteur, 17). No caso de non producírense avances, o comité avaliará a convocatoria de novas xornadas de folga “até conseguir un acordo que satisfaga as demandas sociais.

Reducir a xornada laboral e mellorar os soldos

O representante da CIG sinalou que en Ilunion Lavanderías de Santiago traballan arredor dunhas 200 persoas, das que o 90% teñen algún tipo de discapacidade física, psíquica ou sensorial, prestando servizos principalmente para centros hospitalarios, hostalería e limpeza de uniformidade de empresas, e realizando xornadas de luns a domingo, incluíndo festivos. Por iso, destacou Alonso, unha das principais reivindicacións do comité nesta negociación é avanzar na redución de xornada.

“O Goberno español leva anunciando dende o ano pasado unha redución xeral da xornada laboral ás 37,5 horas semanais. Pero parece que isto non se vai a efectivizar. Entendemos que para este colectivo é importante recortar as horas de traballo, porque realizan tarefas que requiren moito esforzo físico (teñen que permanecer as oito horas de pé), sofren altas temperaturas e condicións de penosidade, perigorisade e toxicidade polos riscos bacteriolóxicos ao que están expostos os traballadores e traballadoras”, indicou.

Outra das demandas refírese ao incremento do salario base para as categorías máis baixas até acadar o SMI, xa que, polo convenio anterior, o salario deste colectivo está nos 964 euros. “Aínda que a empresa está obrigada a complementar até o SMI, parece claro que se ten que reflectir nas táboas o salario mínimo interprofesional para axustarse á legalidade”, aseverou Alonso, matizando que para a CIG, o SMI segue a estar nunha contía insuficiente para cubrir as necesidades básicas, xa que nin sequera cumpre co marcado na Carta Social Europea ao non acadar o 60% do salario medio no Estado español.

Unha empresa con importantes subvencións públicas

A presidenta do comité, María Pardal, salientou que Ilunión Lavanderías é un centro especial de emprego que conta co apoio económico da Xunta de Galiza, “que o noso salario está financiado ao 80% pola UE e que recibe axudas públicas tanto para a contratación como para a mellora da planta e da maquinaria”. Lembrou que o ano pasado o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, visitou as instalacións pondo en valor este tipo de centros para avanzar nunha sociedade máis xusta, igualitaria e inclusiva.

Unhas afirmacións que Pardal confrontou coa realidade laboral dun centro “no que se traballa 365 días ao ano, oito horas de pé con moitísimo esforzo físico, no que temos que acudir aos xulgados para poder exercer os dereitos de conciliación e no que temos que ir á folga para reivindicar poder cobrar o salario mínimo interprofesional”.