O Comité de Hércules de Armamento demanda unha reunión inmediata coa Consellaría de Industria

Ante o interese amosado por Mecanizados Escribano para entrar no accionariado da empresa
A Coruña - 27 Xan 2017

O Comité de Hércules de Armamento, antiga Fábrica de Armas da Coruña, vén de reclamar unha reunión inmediata coa Consellaría de Industria, ao entender que o interese manifestado publicamente por Mecanizados Escribano para entrar no accionariado da empresa "tropeza coa opacidade e o silencio da Consellaría".

A este respecto, sinalan que "despois de varias solicitudes a Consellaría de Industria segue desaparecida e dando a calada por resposta". Unha actitude que consideran "incomprensíbel" tendo en conta que a entrada deste socio industrial "traería consigo unha inversión millonaria (segundo recoñecían fontes da propia compañía), e do cal a Consellaría é coñecedor, posto que lle foi presentado o Plan Industrial, que garantiría a continuidade da fábrica e dos 155 postos de traballo".

Esta postura, engade o Comité de HdA, contrasta coa aprobación por unanimidade de iniciativas, tanto no Parlamento Galego como no Concello da Coruña, de todos os grupos políticos con representación.

Asemblea de traballadores/as
Por outra banda, o Comité anuncia a próxima convocatoria dunha asemblea de traballadores/as para analizar a situación e aprobar un calendario de mobilizacións "para reclamar a posta ao día das débedas salariais, defender os postos de traballo e a continuidade da actividade da fábrica, esixindo a implicación de todas as administracións públicas".