O comité de Ganomagoga presenta unha denuncia por “peche patronal” diante da Inspección de Traballo
“Un peche patronal en toda regra”. Iso é o que se atoparon hoxe os traballadores/as de Talleres Ganomagoga de Ponteareas, empresa principal do Grupo Ganomagoga, que non puideron acceder as instalacións porque a dirección procedeu a cambiar as pechaduras sen previo aviso durante a fin de semana. Por iso os afectados/as, que tiveron que pasar a xornada á intemperie no exterior da fábrica, optaron por presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo, que enviou un inspector a levantar acto do acontecido.
Segundo explica o presidente do comité de empresa, Xabier Pérez, da CIG, nada máis chegar ao seus postos de traballo como cada día comprobaron que o encargado non puido abrir a porta das instalacións porque as chaves que tiña non se correspondían coas novas pechaduras instaladas. “Entón chamamos á Garda Civil, pero dixeron que non era cousa deles e falamos co sindicato, que presentou denuncia diante da autoridade laboral”.
Despois disto, un inspector de Traballo persoouse na fábrica para levantar acta. Pérez denuncia que ninguén lles comunicou previamente que se ían pechar as instalacións, “cando ademais temos obxectos persoais dentro”, e rexeita os argumentos aportados pola dirección no sentido de que o fan para protexer a fábrica aludindo a que teñen aparecido pintadas alusivas ao conflito laboral no exterior. Por iso considera que se trata dun “peche patronal” e lembra que “seguimos sendo traballadores/as da empresa porque aínda non fomos despedidos/as”.
A fábrica leva dúas semanas sen actividade, sen luz nin agua e cos baños sen limpar, pero o cadro de persoal desprazábase a diario até as instalacións. Agora continuará facéndoo, mais deberán permanecer á intemperie no exterior do recinto como sucedeu hoxe tras a decisión da empresa.
En consecuencia, só a fábrica de Mos permanece aberta, xa que tanto a de Vigo como a do Porriño permanecen pechadas, pero o seu persoal atópase en situación de permiso retribuído. Por outra banda, os afectados/as polo ERE extintivo presentado polo Grupo Ganomagoga, que tamén presentou concurso de acredores, continuaron hoxe coas protestas e coas xestións institucionais en defensa dos seus emprego. Nesta ocasión desenvolveron unha concentración ás portas do Concello de Mos, onde entregaron un escrito reclamando o apoio da corporación á súa loita e ás xestións que realizan ante organismos superiores.