O comité de Ganomagoga consegue que o xulgado amplíe o prazo para presentar ofertas
A xuíza vén de ampliar o prazo para a presentación de ofertas para a adquisición de Ganomagoga até o 31 de agosto. Unha decisión que adoptou a petición do comité, que agarda neste período contactar con todas as empresas que amosaron o seu interese en adquirir a empresa para intentar conseguir o mantemento do máximo número posible de postos de traballo.
Segundo explica o presidente do comité e representante da CIG, Xabier Pérez, a situación da empresa vén de principios de ano. “Ao principio era para entrar nun ERTE, iso logo converteuse nun ERE extintivo e logo ese ERE en concurso de acredores”.
A administración concursal propuxo, no mes de abril, substituír o ERE extintivo nun ERTE mentres se desenvolvía o proceso de venda das distintas empresas, co obxectivo de manter o maior número de empregos posíbel. As asembleas de traballadores/as aprobaron por unanimidade a medida unha vez que se lles trasladou a existencia de oito ofertas de compra (cinco por escrito e tres verbais).
Porén, de todas estas propostas a única oferta que finalmente se presentou foi a de GRI, Renovables do Carballiño, que xa estaba vinculada a Ganomagoga con anterioridade, e que contempla a adquisición dunha única unidade produtiva das catro que conforman a empresa, a de Ponteareas, por 660.000 €, mantendo unicamente 32 dos entre 115 e 120 traballadores e traballadoras que conformaban o cadro de persoal.
“A nós iso pareceunos insignificante. Tememos que GRI veña para dous anos e logo se levante e diga que non é rendible e se leve as máquinas para outro lado e aquí peche outra vez”, explica o presidente do comité que, por iso elaborou un informe rexeitando esa oferta. “Se antes eramos 115-120 traballadores, agora non se podería manter a produción anterior con tan só 32 persoas”, conclúe.
Por iso, a sección da CIG do comité, encabezada polo seu presidente solicitou á xuíza ampliar un pouco máis o prazo, ao tempo que a administración concursal presentaba tamén un informe desfavorable á oferta de GRI por considerala igualmente insuficiente.
Pérez explica que agora o comité -que agradece á xuíza que habilitara o mes de agosto, que normalmente é inhábil, ampliando o prazo até o día 31- ten como obxectivo intentar contactar coas empresas que no seu momento manifestaron o seu interese para tratar de manter unha xuntanza con elas e conseguir algunha oferta mellor, “sobre todo na parte social, na dos traballadores”. Nese sentido, o presidente do comité, e representante da CIG, reitera que “a nós o que nos preocupa é que na mellora desa oferta aparezan máis postos de traballo”.