O comité de Frigolouro demanda un pacto de empresa que mellore as condicións e consolide emprego
Os/as membros de CIG, CCOO e UGT, que suman a maioría no comité de Frigolouro, continuaron este venres co calendario de mobilizacións ante a falta de vontade por parte da dirección para chegar a un acordo no pacto de empresa, logo de dous anos, así como para rexeitar os novos plans formativos, que non consolidan emprego e reducen as contratacións.
Esta é a segunda concentración que realiza diante das instalacións do Porriño o comité, que lanzou un chamado ao conxunto dos traballadores e traballadoras a participar de xeito masivo na protesta convocada para o venres 30, entre ás 13:30 a ás 15:15, coincidindo co cambio de quenda.
O pacto de empresa, explica o comité, debe de recoller unhas melloras para o conxunto dos traballadores/as relativas aos tempo de descanso e ás melloras sociais e económicas. Porén, a empresa cárnica (do Grupo Coren) so busca espremer aínda máis ao persoal para producir máis, "sen importarlle en que condicións nin que consecuencias ten para o cadro de persoal".
Para a representación social o novo pacto de empresa debe contemplar necesariamente o aumento do tempo de descanso durante a xornada, o mantemento do actual cadro de persoal e a contratación indefinida das persoas que leven cinco ou máis anos na compañía.
Contratación mínima
Xunto a isto, coas mobilizacións quérese rexeitar a política de programas de formación da empresa que supón na actualidade ter a 57 traballadores/as en formación, durante dous meses e de balde (sen contrato de traballo e sen alta na Seguridade Social) e logo contratar só o 40% durante seis meses. En consecuencia, a empresa non vai realizar contratacións durante o verán; polo que o resultado é que non se consolida emprego e a contratación é mínima.
Estas prácticas xa foron denunciados polo comité na Inspección de Traballo ante o uso “ilícito e indebido” dos programas formativos de operario/a de matadoiro e de operario/a de sala de despece porcino, xa que a compañía "está a situar a algunhas das persoas que participan nestes plans en postos de produción".
Neste senso, lembran que Frigolouro adoita contratar entre 30 e 40 persoas debido ao aumento da produción por estas datas, mais nesta ocasión estas contratación non se fixeron porque a empresa está a utilizar os participantes nestes programas, "como man de obra barata para colocalo nas liñas de produción" e cubrir así os postos de reforzo.