O comité de folga mantén o paro deste mércores na xustiza galega despois do “brinde ao sol” da Xunta
O comité de folga do sector da xustiza galega, formado por CIG, SPJ-USO, CUT, UGT, CSIF, STAJ e CCOO, mantén a segunda xornada de paro convocado para este mércores día 13 despois do “brinde ao sol” da Xunta, que non achegou un documento con propostas para avanzar na mellora das condicións laborais.
O paro continúa adiante unha vez que a Administración “non moveu ficha” xa que o documento presentado ao comité de folga só recolle as reivindicacións que realizan as centrais sindicais, “sen cantidades nin prazos, que é o que reclamamos”. Polo tanto, non se produciu ningún avance nas negociacións.
Por iso o comité de folga ratificou a convocatoria de folga e advirte de que se non cambia a postura da Administración continuarán coas mobilizacións. “O conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, incumpre o acordo parlamentario do 5 de decembro ao non realizar ningunha oferta ao comité de folga e ao non garantir melloras nas condicións laborais do persoal”.
Ademais, denuncian que a Consellaría, lonxe de tender pontes para o diálogo entre as partes, opta por dinamitalas. “A falta de vontade política para o diálogo é evidente: a Xunta pode pero non quere. Non houbo avance porque a Administración non trouxo motivos para avanzar”, rematan.
De feito, denuncian que na xuntanza celebrada hoxe só se falou de vaguedades:
-Substitucións: din que “o único que pensa facer” a Xunta é solicitar ao Ministerio de Xustiza a modificación do artigo 74.4. (unha vez máis, botando balóns fóra).
-IT`s: reiteran que van falar con Función Pública para modificar a normativa conxuntamente co persoal da Xunta.
-Consolidación: seguen sen traer unha relación de postos .
-Amortizacións: seguen a mentir: “Os psicólogos/as son persoal da Administración de xustiza e dende o ano 2013 crearonse 125 prazas”.
-CAT: seguen sen traer unha oferta económica e os traballadores/as temos que aguantar desprezos como “non me dá a gana de presentar ningún documento porque non desconvocades a folga”. Este é o seu ánimo negociador.
Pola súa banda, os traballadores/as do sector esixen:
-Negociación do CAT: Igual que utilizou a súa maioría absoluta para recortar o CAT e subir as nóminas dos altos cargos por segundo ano consecutivo, que o faga agora para acabar coa discriminación dos traballadores/as galegos/as con respecto aos do resto do Estado.
-Deben de incluirse todos os reforzos de máis de tres anos (son máis de 36).
-Retirada inmediata do Plan de modificación dos cadros de persoal do ano 2012 e establecemento dun plan de recuperación do emprego.
-IT's: publicación por parte da Xunta dun Decreto especifico de xustiza igual co de maxistrados/as, xuíces/as, fiscais, letrados/as (o propio director xeral de Xustiza).
-Substitucións: nova regulación autónomica en base á xurisprudencia do Tribunal da Unión Europea. Igual traballo, igual salario.
LUGARES E HORARIOS DAS MOBILIZACIÓNS:
-A CORUÑA: manifestación ás 12:00 horas con saída de Capitan Juan Varela, pasando pola Fábrica de Tabacos e con remate no Tribunal Superior de Xustiza.
-SANTIAGO: concentración ás 12:00 horas no no edificio dos Xulgados (Fontiñas).
-FERROL: concentración ás 12:00 horas no edificio dos Xulgados (rúa Coruña).
-LUGO: concentración ás 12:00 horas no edificio dos Xulgados (rúa Armando Durán).
-OURENSE: concentración ás 12:00 horas no edificio dos Xulgados (rúa Velázquez).
-PONTEVEDRA: manifestación ás 11:30 horas dende A Parda até a Audiencia provincial.
-VIGO: manifestación ás 12:00 horas dende os Xulgados da rúa Lalín.