O comité de folga empraza a Xunta a reflexionar e retomar a negociación para rematar o conflito de Xustiza
O comité de folga de Xustiza fai un chamamento á Xunta para que reflexione e sente a negociar con vontade de rematar co conflito. Así o explicou este venres Oscar Freixedo, representante da CIG-Xustiza nas mesas de negociación, no decurso dunha concentración diante do Pazo de Congresos de Compostela, onde o Presidente da Xunta inauguraba Edudixital.
Freixido asegurou ademais que “as forzas se manteñen intactas” e “a unidade de acción sindical” fronte á administración que “se levantou da mesa por unha diferenza de 12 euros”.
A este respecto o representante da CIG-Xustiza indicou que tamén se mantén a contra oferta que se lle fixo no último momento á Xunta, presentada “por acordo unánime do comité de folga” e vixente naquel momento. Por iso insistiu en que “cando queira a administración retomar as negociacións así se fará e por parte do comité estamos en total disposición de continuar no punto no que se quedou”.
Ao tempo que se celebraba en Compostela esta concentración, persoal de Xustiza se concentraba diante da sede do Partido Popular na Rúa de Príncipe en Vigo.
Proposta do comité de folga
A proposta trasladada polo comité de folga flexibilizaba as demandas económicas ao contemplar unha suba lineal de 140€ en tres anos (da que se aplicaría un incremento do 60% para este ano e do 20% para 2019 e 2020).
Ao tempo estabelece unha cláusula de revisión salarial, "que garantiría que as retribucións do persoal de xustiza de Galiza estean sempre no posto cuarto da táboa comparativa coas outras comunidades e que permitiría que cada ano nos vaiamos aproximando ao terceiro posto", explica Óscar Freixedo, representante da CIG-Xustiza nas mesas de negociación.
Xunto a isto, tamén se contempla un plan de recuperación do traballo perdido.
Esta proposta presentouse en resposta á segunda oferta formulada pola Xunta na última xuntanza, que suporía unha suba de 140€ na categoría de forenses; 135€ para xestores/as; 127€ tramitadores; e de 122€ para auxilios. Aplicaríanse en tres anualidades: o 50€ para 2018, o 30€ para o seguinte ano e o 20€ para 2020).