O comité de folga dos PAC denuncia a falta de cobertura de persoal médico por debaixo dos mínimos marcados polo SERGAS
O Comité de Folga dos Puntos de Atención Continuada vén de denunciar que na semana pasada, coincidindo co inicio da Folga de PAC´s varios centros quedaron sen a cobertura que a propia administración considera indispensable para poder dar asistencia as situacións de urxencias.
O PAC de Moaña quedou sen facultativa o día mércores 17 na xornada de tarde ,que foi cuberto por unha facultativa do PAC de Cangas, quedando este cun médico só ate as 21h.
O PAC da Guarda en xornada de tarde-noite o sábado 20 ate as 8h do domingo, quedando unha médica só no centro nun día con aumento importante de carga asistencial
No PAC da Parda, na quenda de tarde, o sábado 20, contaron só con dous facultativos nunha quenda na que habitualmente contan con tres.
Na mañá do domingo 21, coincidindo coa xornada de folga, o PAC da Casa do Mar da Coruña, contou cun efectivo menos contando con catro facultativos dos cinco que prestan servizo habitualmente para dar asistencia a toda a poboación da Cidade da Coruña.
Así mesmo tamén en Cambados houbo a ausencia dun médico na asistencia de urxencias de 8 a 15h do sábado 19, asistencia que presta o persoal do Centro de Saúde.
Nestes datos evidénciase o que se leva denunciando desde fai meses polo colectivo PAC´s en Pé de Guerra: que os mínimos que o SERGAS considera indispensables para dar cobertura á atención urxente, incúmprense constantemente, e nin sequera son capaces de aseguralos en días de Folga.
Falta de previsión do SERGAS
A falta de previsión por parte do SERGAS fai que a falta de cobertura de ausencias veña sendo cada vez máis habitual. A mala xestión dos últimos anos favoreceu a emigración de moito persoal sanitario. As políticas de redución de persoal na administración favorecido pola taxa de reposición do 10% está tendo unhas consecuencias nefastas na sanidade.
Na atención primaria o persoal reduciuse de forma moi significativa, atendendo o mesmo número de poboación con moito menos persoal. Ao mesmo tempo este persoal ve dia a dia aumentadas as súas funcións pero sen aumento de persoal. Isto supón que habitualmente haxa listas de espera en atención primaria superiores a unha semana.
Ao mesmo tempo as asistencias do PAC tamén aumentaron, como o recoñece o propio SERGAS, derivadas das listas de espera de primaria, a atención a patoloxías crónicas recorrentes e ao envellecemento da poboación.
O SERGAS non pon solucións reais a esta falta de coberturas. O que se fai é limitar a solicitude de vacacións, denegar permisos, obrigar a golpe de burofax, chamar dun momento para outro para as ausencias imprevistas ou inventarse novas formas de contrato mais precarias obrigando a estar a disposición do SERGAS. Isto sobrecarga aínda mais ao persoal e limita as posibilidades de conciliación laboral e familiar.
É necesario que administración escoite as “moi básicas” demandas do colectivo dos PAC que piden unha equiparación nas condicións á do resto do persoal sanitario do SERGAS e crear plans de continxencia que asegure a cobertura nunhas condicións dignas para o persoal.