O comité de folga dos PAC anuncia novas xornadas de paro dende o 27 de novembro até o 17 de decembro
O comité de folga dos Puntos de Atención Continuada (PAC) vén de anunciar a convocatoria de novas xornadas de folga a partir do martes 27 de novembro que se prolongarán até o 17 de decembro todos os martes, venres e domingos, ao tempo que comunicou que a súa intención de endurecer as medidas de presión. Ademais, un grupo de traballadoras/es de distintas áreas sanitarias entregarán este venres na delegación do Sergas ás 12:00 horas centos de sinaturas de usuarias/as destes centros apoiando as reivindicacións do colectivo.
Dende a representación do persoal denuncian que malia que os profesionais dos PAC estiveron un mes en folga e a pesar das reiteradas afirmacións da Administración nas que manifestaba a súa disposición a dialogar e a chegar acordos, “a realidade é que non houbo ningún contacto co comité de folga para negociar co obxectivo de atender as reivindicacións do colectivo”.
Ademais, sosteñen que neste tempo endurecéronse as condicións de traballo, sobre todo do colectivo médico, “ao que se lle está a estender a xornada a golpe de burofax”. Ao mesmo tempo, deixouse sen cubrir a presenza de médicos/as en numerosas ocasións en varios centros. Por exemplo, na área de Vigo sucedeu no PAC da Guarda, en Redondela e en Moaña. “Esta é a forma de negociar do Sergas: peores condicións para as traballadoras/es e peor servizo para as usuarias/os”.