O comité de folga do 061 demanda que o Parlamento inste a Xunta a garantir os dereitos do persoal
O comité de folga do 061 demanda aos grupos parlamentarios que leven ao Pazo do Hórreo iniciativas en demanda de que o goberno de Feixoo interveña para que a empresa concesionaria do servizo de atención de chamadas de emerxencias sanitarias, Grupo Norte, cumpra coas súas obrigas contractuais e garanta os dereitos do persoal. Consideran que a administración non se pode limitar a externalizar servizos públicos e “lavarse as mans” cando hai incumprimentos.
Con este motivo celebraron unha xuntanza, o pasado luns, día 30 de decembro, co grupo parlamentario do BNG -que xa se comprometeu a defender as súas demandas-, hoxe reuniranse co Grupo Común da Esquerda e o vindeiro día 13 co PSOE. Agardan ademais ser recibidos polo PP, o alcalde da Estrada e o Grupo Mixto.
Para a CIG é “lamentábel” o desleixo da Xunta de Galiza a respecto do conflito aberto na central de chamadas do 061 a causa dos continuados incumprimentos da empresa concesionaria, Grupo Norte, e das súas desavinzas coa propia Administración.
A central sindical denuncia que “no canto de interesarse polo bo funcionamento deste servizo público, o Goberno do PP non só se mantén de perfil ante os abusos da subcontrata, senón que se inhibe das súas obrigas ao asegurar que se trata dun conflito laboral entre traballadoras e empresa que non afecta á prestación do servizo”.
Canda isto, considera tamén “lamentábel” a actitude da Xunta pois, “malia ser responsábel da externalización de servizos públicos que deberan xestionarse directamente pola Administración, deixa que as empresas privadas fagan o que lles pete cos cartos públicos, sen importarlle que se precaricen as condicións laborais nin a calidade do servizo prestado, mentres este siga funcionando aínda que as traballadoras e traballadores estean sen cobrar os seus salarios”.
Servizos mínimos abusivos
E por se non fora abondo, cando o persoal se mobiliza para esixir que se respecten os seus dereitos, a resposta da Xunta sempre é a mesma: non intervir no conflito e impor uns servizos mínimos abusivos do 100% que impiden o exercicio efectivo do dereito á folga. Decretos polos que o Goberno de Feijoo acumula numerosas sentenzas condenatorias por vulneración de dereitos fundamentais, pero que volve impor unha e outra vez.
Fronte a isto, a CIG reclámalle á Xunta que interveña neste conflito laboral para obrigar a Grupo Norte a cumprir coas súas obrigas e que se respecten os dereitos dos traballadores e das traballadoras, porque se o centro de chamadas do 061 segue en funcionamento é precisamente pola profesionalidade e o bo facer do persoal. Con este obxectivo, a CIG xa ten solicitadas reunións con todos os grupos parlamentares para trasladar a situación deste persoal e pedirlles que insten a Xunta a esixirlle á concesionaria que cumpra coas súas obrigas.