O comité de folga de FCC Ponteareas rexeita a oferta de incremento salarial do 3% en 4 anos
O comité de folga de FCC Ponteareas rexeitou, na xuntanza celebrada na tarde deste martes, a proposta de incremento salarial realizada pola empresa, que se reduce a un 3% ao longo dos 4 anos de vixencia do convenio. Xunto a isto considerou tamén abusivos os servizos mínimos do 90% que propón FCC para a folga, que afectará aos servizos de recollida de lixo, limpeza viaria e punto limpo a partir das 6:00 da mañá do día 28 de setembro, de non se achegar posición ao longo desta semana.
Na súa primeira proposta FCC limitaba o incremento salarial ao 2% nos 4 anos de vixencia do convenio, cun 0,5% anual a partir de 2023. A parte social rexeitou un incremento salarial que aboca á máis absoluta precariedade ao persoal, tendo en conta que só neste ano o IPC supera o 10%. Por iso a empresa, tras un receso, achegou outra proposta que foi considerada como claramente insuficiente porque só prevé unha suba do 3% en 4 anos, cun 0% de incremento salarial en 2023; o 1% en 2024; o 1% en 2025 e outro 1% en 2026.
Demandas para o novo convenio
Fronte a esta proposta os representantes dos traballadores e traballadoras de FCC defenderon que o convenio teña unha vixencia de 4 anos; un importante incremento salarial, que calculan en aproximadamente un 20%, na totalidade da vixencia do convenio; a creación do complemento de antigüidade, que agora non está contemplado, e a creación dunha cuarta paga.
Xunto a isto demandaron un plus de vehículo lixeiro, respecto do que o representante da CIG, Pedro Pérez explicou que “estamos falando dun cadro de persoal de 3 oficiais, 1 mecánico, 3 persoas de administración e 15 peóns. Estes últimos tamén fan traballos de oficiais e o que se lle paga é a diferenza diaria cando collen o camión. Pero os porters, varredoras, camionetas e todo o que utilizan, que non son só camións, non teñen ningún tipo de plus”.
Ademais demandaron un incremento de festivos e domingos de 60 a 100 euros; o incremento do plus tóxico e nocturnidade do 25 ao 30%; dous días máis de descanso ao mes, pasando así de dous días de descanso ao mes a catro (un por semana) e incrementar a diferenza entre peón e oficial, que é de tan só 27 euros no salario base, pedindo un incremento dunha diferenza de 75€ no salario base.