O comité de folga de Beatriz Seijo S.L. segue dando pasos fronte o inmobilismo e o intento de inmolación da empresa
As traballadoras da empresa compostelá Beatriz Seijo, S.L. veñen de reincorporarse ao seu posto de traballo tras 46 días sen cobrar. O comité de folga dá así pasos, como acto de boa vontade, para achegar solucións a unha folga indefinida que está enquistada. Fronte a isto, a CIG-Ensino denuncia o intento de “inmolación da empresa” tras as manobras da xerencia de animar ao alumnado a darse de baixa.
A CIG-Ensino solicitou a mediación formal do Consello Galego de Relacións Laborais que a empresa, vén de comunicar esta mesma mañá que acepta. O sindicato lamenta a estratexia de intentar desfacerse do seu persoal alegando a baixada de matrícula e agarda poder rematar dunha vez este conflito sen que a parte máis vulnerábel se vexa máis afectada aínda, tras 47 días sen recibir ningún ingreso.
Suspensión temporal da folga
O pasado xoves 24 de outubro, as traballadoras de Beatriz Seijo S.L. comunicaban á empresa que suspendían temporalmente a folga indefinida que mantiñan desde o 11 de setembro, incorporándose hoxe mesmo, luns 28 aos seus postos de traballo, a práctica totalidade delas a tempo parcial menos un, nun acto no que pretenden que quede clara a súa vontade negociadora.
A empresa rompía unilateralmente as negociacións o venres 18, tras presentar unha única proposta seria e razoable tres días antes e que estaba sendo negociada por ambas partes. Este cambio de actitude, xunto coa estratexia clara que veu desenvolvemento desde o inicio da folga de atrasar o máximo tempo que puideron estas negociacións (desde o 11 de setembro até o 11 de outubro non se produciu ningún avance nin proposta) demostra que a súa intención era desgastar as traballadoras e acabar despedíndoas.
Convite ás familias a darse de baixa
Alén disto, o comité de folga foi coñecedor de que se convidou ao alumnado e ás familias a darse de baixa, nun período moi crítico como o inicio de curso no que é evidente que despois é moi difícil de recuperar, para xustificar ter que prescindir do seu persoal ao reducirse o volume de matrícula e de traballo.
Polo tanto, esta estratexia, que se pode cualificar de inmolación, tiña uns claros obxectivos: desfacerse do persoal, manter a actividade da empresa e volver iniciar o proceso de crecemento despois de prescindir das súas actuais traballadoras.
O comité de folga entende que isto non pode permitirse e xa o pasado xoves solicitou mediación ao Consello Galego de RRLL para evitar que se penalice máis a parte vulnerábel desde conflito que, após 46 días sen cobrar pode verse abocada ao despedimento por unha estratexia calculada de empresa.
Sorprendentemente, a xerencia vén de comunicar hoxe que a xerencia vén de aceptar esta mediación. O comité de folga e a CIG-Ensino agardan que dunha vez por todas se reconduzan as negociacións e se chegue a un acordo no que a empresa ceda ante as demandas que considera “máis que xustas” das traballadoras en canto a recoñecemento de categorías profesionais, equiparación salarial e restablecemento do respecto dentro das relacións laborais.