O comité de folga dos axentes forestais e medio ambientais téndelle a man á Xunta para negociar

Do contrario manterán os paros para o 25 e 26 de xullo e folga indefinida desde o 1 de agosto
Nacional - 23 Xul 2018

O comité de folga de axentes forestais e medio ambientais compareceu este luns en rolda de prensa, xunto con representantes da CIG e UGT, para tender a man á Xunta de Galiza para que sente a negociar un acordo que contemple as súas demandas e non impoña nin aumento horario, nin empeore as súas condicións de traballo. Están convocadas dúas xornadas, para os días 25 e 26 de xullo e, de non haber un achegamento, os paros converteranse en folga indefinida a partir do 1 de agosto. Ademais, coincidindo coa segunda xornada de paro, o día 26, sairán ás 11:00 da mañá en manifestación desde San Lázaro até San Caetano.

A folga convócase, segundo lembrou a responsábel nacional do sector da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, logo de 9 meses de negociacións infrutuosas que foron “máis unha imposición tras outra e un empeoramento de condicións de traballo que unhas negociacións”.

A este respecto, Burgos subliñou que a pretensión da Xunta é introducir un incremento horario que cualificou de “insostíbel e inadmisíbel” para calquera organización sindical. Por iso, fronte as pretensións da Xunta as traballadoras e traballadores do sector, que acordaron en asemblea rexeitar a proposta da Xunta, irán á folga diante do que consideran un empeoramento respecto do último acordo que foi asinado en 2004 e leva xa arredor de 10 anos caducado.

Demandas

O obxectivo da folga é que a Administración Autonómica reduza os excesos horarios axeitando a xornada máxima anual á do resto de empregadas e empregados públicos. Denuncian que, fronte a isto “a administración, no canto de facer unha redución, o que fixo foi aumentar as quendas, porque en horario ordinario pasamos de realizar sete horas diarias e agora quérenos impor 10 horas. Aínda que venden que é quenda localizable, recordamos que as quendas localizables son tempo efectivo de traballo que computa na xornada laboral como horas traballadas”.

Demandan ademais unha compensación económica acorde ao carácter extraordinario dos seus horarios e un complemento específico que retribúa a penosidade, toxicidade, turnicidade e especial responsabilidade deste persoal en concordancia con outro persoal da Xunta con características funcionais semellantes.

Isto xunto coa inclusión, no acordo de condicións de traballo, da “segunda actividade” no servizo activo para o colectivo de axentes forestais e medio ambientais con doenzas ou idade avanzada. A este respecto lembran que, segundo as cifras presentadas no comité de Medio Rural o 50% de axentes medio ambientais teñen máis de 50 anos e sofren “achaques” ou enfermidades, en non poucos casos, derivadas do traballo.

Tamén exixen que se inste ao Estado ao recoñecemento das enfermidades profesionais e os coeficientes redutores para adiantar a idade de xubilación. Aseguran que “non serve dicir que se negociará ou se estudará”, porque con iso “non se garante” para as/os traballadores/as que levan anos esforzádose e arriscando a súa vida e ven que a administración non é quen de proporcionarlles unha segunda actividade que lles permita non ter que estar en primeira liña de lume con 65 anos”.

Outra das cuestións que demandan son prazas suficientes para atender o servizo porque durante estes anos foron amortizándose prazas -nove o ano pasado- e que se avance na igualación dos dereitos laborais do resto do persoal funcionario, a flexibilidade e a conciliación persoal, laboral e familiar, as licenzas, os permisos e as vacacións.

Desinterese polo medio ambiente

Os representantes do comité de folga lamentaron ademais que todo o borrador presentado pola Xunta se centre na extinción, “cando a solución para os lumes é a prevención”, e que se amose un claro desinterese polo medio ambiente.

De feito aseguraron que ás/aos compañeiras/os de medio ambiente “se lles priva de poder vixiar e realizar quendas en parella”. Consideran que tal e como está este borrador vai quedar desatendida a vixilancia nocturna, os furtivos, o desove de salmón ou o control da lamprea.

No acordo proposto pola administración, nos puntos nos que se introducen cambios de horarios, tanto nos ordinarios como nos extraordinarios, aparece sempre a apostila de “se as circunstancias o permiten” o que, ao seu entender, deixa aberta a posibilidade de que se impoña o cambio horario en calquera momento.

Isto entende que impide a conciliación porque “se unha persoa non sabe que horario vai ter mañá ou pasado, está ao dispor totalmente dunha chamada de teléfono, dun cambio de horario que se pode producir en calquera momento”.

Traballo en período extraordinario e produtividade

Tamén neste caso as/os máis prexudicadas/os son as/os compañeiras/os de medio ambiente a quen non se lles garante realizar o traballo en período extraordinario. Sobre esta cuestión denunciaron que a proposta da administración só a contempla en situacións excepcionais que “ninguén sabe cando se van producir”. Isto entenden que “é un guiño a todos os furtivos en caza e pesca, porque non se garante unha permanencia física das persoas que traballan neste servizo”.

Ademais o persoal de medio ambiente, ao non ter garantido o traballo en período extraordinario perdería a produtividade e con iso os ingresos anuais que isto leva consigo.

A produtividade ten outro problema adicional porque se unha persoa ten un accidente ou un problema de saúde, en determinado momento do ano, a perdería porque a baixa implica que non se traballa en período extraordinario. Deste xeito, din “non cobrariamos a produtividade o que nos deixa nunha situación bastante precaria”.

Tranquilidade á poboación

Con todo, o comité de folga quixo transmitir unha mensaxe de tranquilidade á poboación porque “aínda que a administración autonómica, a Xunta de Galiza, nos obriga a ir a unha folga xamais deixaremos desatendido un lume forestal, cousa que xa temos demostrado”.