O comité de folga de Urxencias do CHUS amosa o seu malestar co escrito dos/as xefes de servizo
O comité de folga do Servizo de Urxencias do CHUS (que representa a enfermeiras/os, TCAEs , médicas/os e celadoras/es) trasladou o seu desacordo e malestar polo contido do escrito remitido aos medios de comunicación por un grupo de xefes/as de servizo do hospital cuestionando o mantemento da folga.
O comité de folga lamenta que nun momento tan complicado e decisorio para as Urxencias o CHUS careza "dun xefe de servizo capaz de asumir o papel organizativo que lle corresponde". O presidente da Comisión Especializada de Centro, Camilo Agulleiro (CIG), lembra que tanto a anterior responsábel, como o coordinador que a substituíu e as supervisoras de enfermería "foron 'convidadas' a deixar os seus cargos por parte da Xerencia actual".
Subliña que durante os últimos anos este servizo puxo de relevo as importantes carencias en canto a medios humanos e materiais. "A intención de diálogo foi constante, así como as achegas, suxestións e implicación por parte do persoal. Con todo, a toma en consideración desas propostas por parte da Xerencia foi máis ben escasa, obviando unha situación que se sabía insostíbel e actuando unicamente a través de parches cando o problema estalaba ante a opinión pública".
Servizos mínimos do 100% que resultan insuficientes
Sobre o contido do escrito dos/as xefes/as de servizo, o comité de folga coincide en que a situación "é traumática para pacientes e profesionais", pero non que a causa sexa unha folga na que o 100% do persoal está en servizos mínimos. "A situación vén sendo traumática desde o momento no que ese 100% resulta insuficiente para atender as necesidades dos pacientes que chegan ao noso servizo e os constantes reforzos así o demostran", aseveran.
Neste senso, Agulleiro explica que as presións en pacientes e usuarios/as que se orixinan cos colapsos que a miúdo sofren as Urxencias, son xeradas en gran medida polos dilatados tempos de espera para ingresar, algo que está fóra da organización interna do servizo. Dende a equipa xerente informouse hai tempo que este grave problema de fluxos estaba a ser tratado cos distintos xefes de servizo implicados, "sen que de momento en urxencias percibamos que chegasen a ningunha solución".
"Se teñen interese en colaborar nunha solución, que se impliquen"
Por iso, dende o comité de folga engaden que se a maioría de xefes de servizo están realmente interesados en colaborar na resolución do conflito, "a súa achega sería máis efectiva coa súa implicación neste aspecto e non só con valorar a súa duración coma se de alguén alleo ao hospital se tratase".
Reiteran que, precisamente o motivo é tentar garantir os dereitos dos pacientes, "pois aínda que a algún xefe de servizo poida sorprender, en ningún momento as nosas reivindicacións responden a intereses persoais ou salariais . A nosa única pretensión é, polo tanto, ofrecer unha sanidade pública de calidade".
A folga continúa
O persoal de Urxencias do Clínico chega xa a sétima semana en folga para demandar máis persoal, medios e espazo. O pasado luns realizaron unha nova protesta diante do centro hospitalario e o vindeiro 9 de xaneiro teñen convocada unha manifestación polas rúas de Compostela.