Comité de folga da Central de Coordinación do 061 rexeita que o Sergas impoña servizos mínimos do 100%
O comité de folga da Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias do 061, que xestiona o Grupo Norte, presentou hoxe alegacións contra os servizos mínimos “abusivos” do 100% decretados polo Sergas para a folga indefinida que comeza o 1 de agosto. A representación do persoal que atende o centro de chamadas do servizo de urxencias anunciou que no caso de que a empresa non atenda as alegacións “acudiremos ao Xulgado para defender o noso dereito á folga”.
Dende o comité de folga consideran que se trata dunha decisión “desproporcionada” e lembran que existe xurisprudencia da Sala do contencioso do Tribunal Supremo que establece a existencia dun servizo mínimo esencial non constitúe por si soa unha razón suficiente para o establecemento dos servizos mínimos do 100%; que non cabe fixalos nesta porcentaxe mesmo no ámbito das urxencias porque “iso equivale a cercenar o exercicio do dereito de folga”; e que alcanzar o nivel de rendemento habitual equivale a impedir o dereito de folga.
Diante disto, entenden que estes servizos mínimos constitúen un intento por parte da Administración de “desactivar a capacidade de presión da folga”, polo que demandan que se atendan as alegacións presentadas mudando o criterio e advirten que, de contrario, presentarán denuncia perante o Xulgado.
A empresa suspende as negociacións
Dende a representación sindical amosan tamén o seu malestar pola actitude da empresa, que vén de desconvocar a xuntanza prevista para mañá, “perdendo unha inmellorábel oportunidade de reconducir a situación e rematar co conflito laboral”. Critican que Grupo Norte optase por suspender a reunión baixo o argumento de que hai unha folga enriba da mesa, “cando a folga convocouse precisamente despois de que incumprisen o compromiso de remitirnos unha resposta ás nosas reivindicacións o pasado día 17”.