O Comité de Ferroatlántica reclama unha investigación para aclarar as causas do accidente laboral
O Comité de empresa esixe á dirección de Ferroatlántica que realice todas as investigacións oportunas para esclarecer as causas do accidente que tivo lugar na fábrica de Cee esta mañá e na que resultaron feridos tres traballadores. A representación social reclama tamén que se depuren todas as responsabilidades que puideran derivarse por este sinistro e que se adopten as medidas oportunas para evitar que se repitan situacións similares.
Subliña o Comité que reverter a precariedade das medidas de prevención e seguridade laboral nesta empresa constituíu "unha durísima loita" que o persoal tivo que manter ao longo de moitos anos, "pois máis alá da propaganda coa que o Grupo Villar Mir adoita encher os medios, a seguridade e a integridade física dos traballadores e traballadoras de Ferroatlántica non estivo entre as prioridades da empresa".
A este respecto, engaden que non cómpre perder de vista que neste desleixo "tivo moito que ver a pasividade da administración, que nunca se empregou a fondo para facer cumprir a normativa en materia de seguridade laboral nesta empresa".
Afortunadamente, nesta ocasión non hai que lamentar vítimas mortais, pero si tres feridos, un deles con carácter grave. Neste senso, o Comité quere trasladar o apoio e a solidariedade aos traballadores afectados pola explosión desta mañá e xa adianta que esixirá responsabilidades polo incidente, a todos os niveis.
Doutra banda, á espera do resultado da investigación, non hai que esquecer que as instalacións de Cee e Dumbría levan 25 anos sen recibir investimentos para a súa mellora, mantemento e modernización. Unha crítica que o Comité ten trasladado á empresa en numerosas ocasións, xa que mentres os beneficios xerados polas centrais hidroeléctricas vinculadas á fabricación de ferroaliaxes servían para sufragar proxectos fóra do país e negocios do Grupo empresarial alleos á actividade de Ferroatlántica; as factorías da Costa da Morte fican sen inversións e quedan obsoletas.