O comité de Ferroatlántica pídelle os Concellos da comarca que actúen en defensa do emprego
O comité de Ferroatlántica reuniuse esta tarde cos alcaldes e alcaldesas dos concellos da Costa da Morte para demandar a súa implicación ante o desmantelamento progresivo das fábricas e o recorte drástico da produción que pon en serio risco a continuidade dos empregos e da actividade das plantas de ferroalixes. O comité tamén anunciou que o calendario de mobilizacións pasará a realizarse todos os luns, sendo a próxima concentración o día 9 diante da Casa do Concello de Cee, ás 17:15 horas.
Dende o comité pedíuselles aos/ás rexedores/as locais que fagan as xestións oportunas, tanto coa empresa como coa Xunta de Galiza, para promover a convocatoria dunha reunión urxente na que participen representantes da Administración, da dirección e dos traballadores/as co obxectivo de abordar un plan de viabilidade que garanta que se cumpran as cláusulas de vinculación do complexo industrial e enerxético.
Motor económico da comarca
O comité lembroulles que Ferroatlántica "é o motor económico da comarca, do que dependen máis de 400 postos de traballo e que ten un impacto directo na actividade do sector servizos". Por iso, e ante as últimas decisións da nova xerencia, que ten paralizada a produción no forno 13, traballando a mínimos o resto dos fornos e que incluso ameaza con pechar o forno 14 (o que deixaría sen fabricación de aliaxes de manganeso á planta de Cee), subliñaron que "os Gobernos municipais non poden ficar pasivos, senón que é o seu deber reaxir e encabezar unha fronte conxunta en defensa dos empregos e do futuro industrial da Costa da Morte".
Neste senso, o presidente do comité, Alfonso Mouzo (CIG), puxo enriba da mesa a necesidade de que se dirixan á Xunta para que responda de inmediato ás solicitudes para a elaboración dun plan de viabilidade "que xa lle trasladamos en numerosas ocasións e se cómpre abrir un procedemento administrativo para comprobar o grao de cumprimento das concesións". Nesta liña, tamén se lles informou aos alcaldes e alcaldesas do cambio de nome operado pola empresa hai unhas semanas, que pasa a denominarse XEAL, cando as concesións públicas das que goza están a nome de Ferroatlántica.
Segregación encuberta
Para a representación social esta manobra podería entenderse "como unha segregación encuberta das actividades, o que suporía a caducidade automática das concesións dos encoros e dos saltos de auga". Por esta razón, tamén se instou os Concellos da comarca a que estuden e avalíen a posibilidade de adoptar medidas legais para esixir que se cumpran as cláusulas das concesións en relación a que a produción hidroeléctrica debe garantir a continuidade do negocio de ferroaliaxes.
Na xuntanza, engade Mouzo, púxose o acento no feito de que estas cláusulas de non segregación "non foron un regalo, senón que a súa finalidade é salvagardar o interese público da explotación dos nosos recursos naturais. Pero a día de hoxe, as fábricas están ao 30% da súa capacidade de produción mentres que a produción de enerxía está ao 100%. De feito, estase vendendo catro veces máis enerxía da que están comprando para fabricar ferroaliaxes, o que contradí claramente as condicións as das resolucións da Xunta".
De igual xeito, alertouse do recorte dos cadros de persoal nas fábricas mediante a amortización de postos de traballo e a non renovación a persoal eventual, e que a pesar de que a Xunta autorizou recentemente a explotación de dúas novas centrais hidroeléctricas, a empresa prescindiu dos tres traballadores da central de Carantoña.
Diante desta alarmante situación, reiteraron a demanda ao Goberno de Núñez Feijoo "para que exerza as súas competencias, atenda a problemática nas fabricas de Cee e Dumbría, e demostre que realmente ten un compromiso con Galiza máis alá dos lemas electorais baleiros".