O comité de Ferroatlántica demanda un plan de viabilidade para garantir o emprego e a actividade
O comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas acordou por unanimidade convocar unha concentración diante da Casa do Concello de Cee este venres, 31 de xaneiro, ás 19:30 horas, coincidindo co debate e votación no Pleno municipal dunha moción para instar o Goberno español á aprobación inmediata do estatuto do consumidor electrointensivo e o Goberno galego a que esixa o preceptivo plan de viabilidade á nova xerencia da empresa de ferroaliaxes.
Así mesmo, o comité acaba de solicitar unha reunión, á maior brevidade, co conselleiro de Economía, Emprego e Industria para trasladar a preocupación que existe entre os traballadores e as traballadoras, tras a decisión de Ferroatlántica de parar unidades produtivas na fábrica de Cee. Nesta xuntanza, explica o presidente do comité, Alfonzo Mouzo (CIG), tamén se lle pedirá a Francisco Conde elaborar conxuntamente un plan de viabilidade que garanta o mantemento da actividade industrial e de todos os empregos nas fábricas de Cee e Dumbría, na liña da proposta que a representación social xa trasladou á Xunta o pasado verán.
A empresa anunciou a parada do forno 13
Denuncian que Ferroatlántica SAU anunciou a parada do forno 13, alegando a baixa demanda e o alto prezo de produción, "mentres se anticipa o arranque doutras unidades produtivas de similares características noutros plantas do estado". Para Mouzo esta decisión é consecuencia directa da venda do complexo industrial e das centrais, que deixou as fábricas da Costa da Morte fóra do Grupo FerroGlobe "pero supeditadas ás súas directrices, xa que é a compañía de Villar Mir quen establece o custe e a calidade da materia prima e quen marca a cantidade e o custe da produción a mercar".
Ante as consecuencias sobre o emprego que poida ter a parada de unidades produtivas e a incerteza que provoca a falta dunha tarifa industrial estábel, predicíbel e competitiva (argumento este que utiliza a empresa para xustificar recortes, a pesar de ser tamén produtora de enerxía), o comité reclama, unha vez máis, á Xunta de Galiza "que exerza as súas competencias e obrigue a Ferroatlántica a presentar un plan de viabilidade para garantir a continuidade da produción de ferroaliaxes, o mantemento dos postos de traballo e que se respecte a cláusula esencial de vinculación da actividade das fábricas e da produción de electricidade".