O comité de FCC, concesionaria da recollida do lixo de Vigo, forza cunha protesta unha reunión para negociar o convenio
O comité de empresa de FCC, concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria e de praias do Concello de Vigo, forzou hoxe unha xuntanza da comisión negociadora do convenio colectivo tras desenvolver unha concentración diante da instalacións da empresa. A compañía convocou a representación sindical para este xoves ás 11:00 horas para seguir coas conversas co obxectivo de chegar a un acordo que evite o inicio da folga indefinida convocada a partir deste venres día 15.
Con esta medida de presión o comité de FCC quere rexeitar a intención da compañía de precarizar o convenio colectivo. Pola súa banda, o único que perseguen os traballadores/as é non perder poder adquisitivo nin dereitos laborais adquiridos tras anos de loita.
Segundo explica o presidente do comité, Rufino Santalices, da CIG, as pretensión do persoal non son “nada fóra do normal” e pasan por igualar os salarios ao encarecemento do nivel de vida. “Pero a dirección ofrecía ao inicio un incremento salarial do 0% e despois de moito apertar logramos que o subise a un 1% primeiro e logo a 1,5% cada ano, porcentaxe que estariamos en disposición de aceptar sempre e cando se inclúa unha cláusula de revisión salarial, algo que a empresa non quere”.
Perda de poder adquisitivo
FCC pretende pactar un convenio a catro anos, polo que a suba total sería un 6%, cando o IPC no ano pasado foi do 6,5% e o deste ano supera xa o 10%. “Aceptar isto suporía unha perda importante nos nosos salarios, algo ao que non estamos dispostos/as”.
E quere eliminar dereitos adquiridos como os complementos de IT que temos (100% en caso de accidente laboral e o 100% a partir do 21º día de baixa por enfermidade común) ou a prexubilación aos 62 anos. “Non hai que esquecer que somos un colectivo que traballa na rúa e iso ten consecuencias para a saúde, por iso imos loitar con todas as nosas forzas para evitar este recorte de dereitos”.
Diante disto, anunciaron unha convocatoria de folga indefinida a partir deste venres día 15, ao tempo que hoxe optaron por desenvolver unha concentración diante das oficinas da empresa, na rúa Tarragona, ás 10:30 horas. Ao remate da protesta a compañía citou a comisión negociadora para mañá ás 11:00 horas.