O comité de Faurecia Interior do Porriño mobilízase contra a sanción a un traballador
A maioría do comité de empresa de Faurecia Interior -CIG e CCOO- desenvolveu unha concentración este mércores ás portas da fábrica no Porriño para rexeitar a sanción de cinco días de emprego e soldo imposta a un traballador por responder ás provocacións dun xefe de equipo.
Na protesta que tivo lugar diante das instalacións da empresa no polígono das Gándaras non participaron os delegados da UGT. A concentración foi convocada contra a decisión da empresa de sancionar ao operario e solucionar “cunha simple bronca” a actitude do xefe de equipo, “unha persoa arrogante, que pensa que no seu posto pode asoballar a calquera, ofrecer malas palabras e peores modos; tirar de malos xestos, humillacións, empuxóns e todo tipo de agresións verbais”.
Segundo sinalan dende as centrais convocantes, que dous compañeiros de traballo cheguen ás mans “é algo totalmente inaceptable, reprochable e sancionable; pero non só para un, como fixo a empresa, senón para ambos”.
Neste senso, denuncian que o xefe de equipo abofeteado tivo unha actuación violenta ao longo do tempo, “minando a moral, os sentimentos, e o saber estar dos seus compañeiros/as, que acaban tendo unha actitude violenta en cuestión de segundos, o que se tarda en dar unha botada”.
Ao mesmo tempo critican a actuación da empresa, “porque era coñecedora da personalidade do agredido, da súa actuación ao longo de todos estes anos, xa que incluso hai persoal de contrato que, no seu día, denunciou o caso”. Consideran que a dirección non está a resolver o conflito do xeito que acordara co comité, xa que delegou o caso na responsable de produción, “que sempre foi coñecedora e consentidora da forma de actuar desta persoa”. Ademais, apareceu outra suposta testemuña do acontecido, a pesar de que ninguén viu a esa persoa no lugar dos feitos.
Xuntanza a nivel estatal
Neste senso, lembran que a testemuña principal explicou que o xefe de equipo díxolle ao traballador que se apartara do seu lado, dándolle un empurrón no peito e respondendo este cunha botada. “Non dixo nada de que había alguén máis na zona”. Polo que se preguntan de onde sae a outra testemuña directa que afirma que estaba a poucos metros e por que a súa declaración foi feita con todo luxo de detalles.
“Non queremos pensar que se trata dun testemuño falso, pero parécenos un pouco estraño que aparecese de repente e que a reunión non se fixera co comité de empresa cando sucederon os feitos, senón que llo comunicaron cando xa estaba o expediente sancionador feito. Só se recompilaron probas dende a parte acusatoria sen posibilidades de defensa por parte do sancionado”.
Diante disto, o comité de empresa vaille solicitar unha xuntanza á dirección de recursos humanos do grupo a nivel estatal “para que se elabore un protocolo de actuación para cando aconteza outro caso destes nesta planta ou en calquera outra do grupo”.