O Comité de Extel e A Mesa presentan mocións nos concellos para garantir a atención desde Galiza e en galego
Na última década os centros de atención á clientela na Galiza foron pechando en canto as empresas centralizaron o servizo en grandes centros de traballo. Desde o estoupido da crise, as grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de atención cara a terceiros países. En Galiza, esta deslocalización acompañada de despedimentos agravouse polo uso exclusivo do castelán nas relacións comerciais.
"Só entre os ano 2010 e 2012 destruíronse máis de 2.040 postos de traballo, que se manterían en Galiza de existir opción de galego ao ser o persoal de Galiza o mellor cualificado para ofrecelo. O galego é a mellor garantía de emprego", subliñan dende A Mesa.
No caso concreto de Extel, empresa dedicada a atender o servizo 1004 de información ao/á cliente/a de Movistar, un ERE que, na última proposta da empresa na mesa de negociación contempla o despedimento de 165 traballadoras e traballadores da Coruña. Este ERE responde a unha clara estratexia de deslocalización que pasa por desmantelar o centro de Galiza e cubrir o 1004 desde Bucaramanga, en Colombia, onde xa comezaron a atender as chamadas.
O texto da moción, que xa foi remitido a todos os partidos, concellos e á FEGAMP, solicita dos concellos que manifesten o seu apoio ás reivindicacións das traballadoras e traballadores de Extel; reclamar a Movistar que garanta en todos os casos os postos de traballo na Coruña e por tanto a atención en galego; e transmitirlle a Movistar que no caso de non atender esta demanda, o concello trasladará a súa oferta a calquera outra compañía que garantir a atención en galego desde Galiza.
Ademais comezarán un proceso de recollida de sinaturas tanto nas rúas de toda Galiza como a través da rede, solicitando o apoio cidadán á moción.