O Comité de Eulen SAD acepta ir á mediación, pero non desbota activar a folga
O Comité de Eulen SAD (encargada dunha parte do servizo de axuda a domicilio do concello da Coruña) aceptou a mediación no AGA proposta pola empresa, pero non descarta retomar as medidas mobilizadoras se non se producen avances significativos. Nestes momentos, a folga prevista para o día 13 de xuño fica aprazada, mais non desconvocada, á espera do resultado da mediación que terá lugar o próximo 20 de xuño ás 10 da mañá.
O AGA foi proposto pola empresa na reunión do pasado día 8, na que estaba previsto negociar os servizos mínimos para as xornadas de folga. Porén, no marco dese encontro, dende recursos humanos de Eulen SAD formularon a opción de ir a unha mediación. Proposición que a parte social só estaba disposta a aceptar se a empresa se comprometía a actualizar todos dos conceptos das nóminas. Condición que a empresa finalmente asumiu.
Cómpre lembrar que as traballadoras de Eulen SAD acordaron ir á folga en resposta ás pretensións da empresa de rebaixar xornada e salarios, modificar as condicións en que foron subrogadas e incumprir o convenio e a normativa vixente. Na súa estratexia, a empresa utilizou unha sanción imposta pola Inspección de Traballo por infrinxir o descanso semanal do seu persoal como escusa para anunciar unha brutal modificación das condicións laborais.
Durante o período de consultas, a empresa limitouse a asegurar que non podía cumprir co estabelecido no convenio de aplicación, que ía rebaixar as horas dos contratos das auxiliares a tempo parcial e, con posterioridade, contratar a máis xente con xornadas máis reducidas para atender o servizo.
O Comité agarda agora que a empresa abandone definitivamente este plan de axustes e cumpra dunha vez o que marca o convenio tanto para garantir unhas condicións laborais e un salarios dignos para as traballadoras como para garantir a calidade dun servizo fundamental para moitos e moitas cidadás da Coruña.