O comité de Endesa denuncia o "desmantelamento camuflado" da central das Pontes
O comité de Endesa denuncia o desmantelamento camuflado que está a levar Endesa na central térmica das Pontes, que ficou en evidencia tras reclamar REE os grupos pola alta demanda de enerxía a causa do temporal, que non puideron ser postos en marcha pola falta de persoal, tendo que declarar a empresa indispoñibilidade.
A pesares da falta de mantemento pola redución de persoal, explica o comité, están dous grupos en funcionamento "grazas a experiencia, capacidade e profesionalidade dos traballadores e das traballadoras". Engaden que "se non fora pola polo recorte de persoal podería estar algún grupo máis producindo electricidade".
Para a representación social, o acontecido estes días reflicte que a empresa acometeu esta drástica redución de persoal con todos os grupos dispoñíbeis "amparándose en que non ían ser reclamados para a súa produción. Unha vez máis queda en evidencia a penosa planificación por parte da empresa cando os grupos foron reclamados por REE e houbo que declarar indispoñibilidades. Isto confírmanos que o desmantelamento empezou polo capital máis importante, os traballadores e as traballadoras", advirte o comité.
A empresa solicita a reincorporación de persoal trasladado
Neste senso, subliñan que os traballadores e traballadoras, tanto da principal como das auxiliares, son imprescindíbeis para un mantemento e funcionamento axeitado das instalacións. E apuntan aos problema de seguridade que se poden dar polo ritmo de traballo "enormemente exixente e baixo condicións de presión.
De feito, o persoal ten que prolongar a súa xornada laboral e incluso se dan situacións tan rocambolescas como que Endesa, par suplir a falta de efectivos, solicitou reincorporacións de persoal que estaba de permiso previo á xubilación ou que xa se incorporara no seu novo destino. Por iso, dende o comité salientan que "todo este persoal (sen esquecer aos compañeiros do Porto de Ferrol) é imprescindíbel e non merece 'o premio' de ir ao paro ou ser trasladado forzosamente a outros destinos".
Dende o comité tamén valoran tomar medidas legais polo acontecido a causa do desmantelamento de persoal, xa que os traballadores/as actuais "vémonos obrigados e coaccionados á realización de traballos e horarios extra par cumprir os compromisos de Endesa".