O comité de Ence demanda a activación inmediata da mesa de traballo que garanta o futuro do emprego
O comité de Ence desenvolveu esta mañá unha concentración diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar a convocatoria urxente da mesa de traballo para abordar o futuro do emprego, tanto na pasteira como en todo o sector forestal galego, achegar alternativas e rematar así coa incerteza que padecen os traballadores/as.
A representación social tiña prevista unha xuntanza ordinaria pero, tras coñecerse o pasado venres a resolución da Audiencia anulando a prórroga da concesión de Ence na ría de Pontevedra, acordaron trasladarse até o edificio da administración estatal para pedir unha reunión coa subdelegada e reclamar que se active de inmediato esa mesa de traballo na que estean representados os Gobernos español e galego, a dirección da compañía e o cadro de persoal co obxectivo de atopar unha solución definitiva que garanta o futuro de todos os postos de traballo.
Unha alternativa que remate coa incerteza que padecen os traballadores/as e que seguirá prolongándose no tempo, ante o anuncio de Ence de recorrer a decisión xudicial no Tribunal Supremo.