O comité do San Xerome da Guarda chama a participar na mobilización deste mércores contra os despedimentos
O comité de empresa do San Xerome Emiliani da Guarda, integrado por delegados/as da CIG e da CUT, vén de facer un chamamento público á veciñanza para que participe na concentración convocada pola CIG-Enisno para este mércores 26 na Alameda ás 12.00 horas en rexeitamento dos últimos despidos no centro de educación especial. As persoas interesadas en acudir á mobilización terán á súa disposición autobuses dende o local da central nacionalista en Vigo.
A representación dos traballadores/as tamén amosa a súa solidariedade e apoio aos compañeiros despedidos o pasado 3 de abril e denuncia o comportamento da dirección. “Este comité considera indigna a presión psicolóxica á que foron sometidos durante días, ao trasladarlles a eles que debían decidir entre os dous quen era a persoa que marchaba despedida, para logo despedir os dous incumprindo o prazo de 15 días que prescribe o Estatuto dos Traballadores/as”, denuncian.
Ao mesmo tempo, sosteñen que con estes despedimentoa o xerente do Centro San Xerome pretende desmantelar o Centro Especial de Emprego: “Deixa a seis traballadores/as con necesidades de apoio sen o persoal que os dirixe e asesora, persoal polo que o centro percibe bonificacións da Xunta”.
Neste senso, indica que os traballadores despedidos son persoal subrogado do Concello da Guarda, entidade para a que viñan realizando os traballos de xardinería. “A Xerencia e a dirección do centro alegan causas económicas, mais o Concello da Guarda está a pagar puntualmente todas as facturas do San Xerome e non ten ningunha débeda co centro”, sinalan.
Sete despidos improcedentes dende 2013
Diante disto, rexeitan a política de despedimentos seguida pola Xerencia e apoiada pola dirección e lembran que estes dous despedimentos prodúcense ao cumprirse catro anos dos primeiros, e que daquela a Xerencia alegara motivos económicos, mais estes non foron recoñecidos polo Xulgado que declarou improcedentes os catro despidos e mesmo recolleu como feitos probados que a Xerencia colocou a Asociación San Xerome en “situación de iliquidez precisamente en previsión dos despedimentos”, retirando o diñeiro da conta da Asociación e ingresándoo na do Centro Especial de Emprego. “Proba de que as causas económicas non poden ser reais é a cantidade de diñeiro que a Xerencia e a dirección invirten nos despedimentos”, aseguran.
Ademais, critican que dende 2013 son sete os despedimentos improcedentes realizados no San Xerome, ademais de todas as rescisións de contrato e un despedimento negociado coa empresa a finais do ano 2016; “é dicir, estamos falando de máis dunha ducia de persoas represaliadas coa perda do traballo”.
Finalmente, o comité rexeita a actitude do Xerente do San Xerome e reclama un cambio á dirección do centro, “pois desde a súa chegada ao posto en 2008 o centro pasa de un conflito a outro sen descanso”. É por isto que considera moi impotante a participación na protesta. Todas as persoas interesadas en acudir terán á súa disposición autobuses que sairán dende o local da CIG de Vigo ás 10.30 horas.