O comité do Porto de Vigo alerta sobre os problemas na Policía Portuaria derivados da falta de axentes
O comité de empresa da Autoridade Portuaria de Vigo (APV), presidido pola CIG, vén de alertar publicamente sobre os graves problemas que se rexistran na Policía Portuaria como consecuencia da falta de axentes. Dende a representación do cadro de persoal denuncian que nos últimos tempos prestouse servizo en eventos potencialmente perigosos con até catro policías menos do normal, o que supón un risco para traballadores/as, usuarios/as e visitantes das instalacións portuarias.
O presidente do comité e voceiro da CIG na APV, Diego González, explica que nos últimos meses esta situación volveuse crítica, chegando a prestar servizo con ata catro axentes por debaixo do que debería ser normal no transcurso de eventos potencialmente perigosos debido á masificación de xente e á venda de bebidas alcólicas. “Sen esquecer o sucedido na última edición do Marisquiño, na que os policías se viron obrigados/as a facer algún parte de servizo indicando a pouca presencia da Policía Portuaria no peirao”.
Critica que a situación se volvese a repetir durante varias fins de semana, “mais o vaso colmouse neste mesmo mes de setembro ao coincidir a Oktober Fest na Estación Marítima, o festival Vigo Street Stunt na zona do Náutico e Comercio e a feira VigoMar ou Festa do Marisco no Berbés”. Nestas datas o reforzo foi inexistente, chegando a estar menos axentes de servizo que nun día normal.
Deste xeito, considera que a APV está a por en perigo tanto aos seus traballadores/as como aos usuarios/as do Porto e visitantes aos diversos eventos e ás instalación portuarias e censura “o servilismo de moitos mandos intermedios que permiten que se poña en perigo aos axentes, que sempre son os primeiros en chegar a calquer incidente que se produce dentro da zona portuaria”.
Na opinión do comité, a Policía Portuaria está a sufrir nas súas carnes o abandono no que o presidente da APV, Enrique López Veiga, ten o Porto de Vigo. “Neste último mes os servizos que se están a prestar están baixo mínimos alarmantes debido a una decisión do súa de non permitir que os axentes realicen xornadas dispoñíbeis, que son aquelas que os policías portuarios realizan cando se precisa un reforzo especial ou se produce un imprevisto e son chamados/as para traballar en día de descanso a cambio de 70 euros e outra xornada libre compensatoria”.
Advertencia de Portos do Estado
Sinalan que o propio López Veiga lle comentou ao comité de empresa que adoptou a medida debido a unha advertencia de Portos do Estado na que o ameazaban con diminuír a masa salarial do presidente e da directora da APV se se excedían da masa asignada para produtividade, que é a masa na que repercuten as xornadas dispoñíbeis. “Esa advertencia é produto dun exceso de 76.000 euros sobre a produtividade no exercicio do ano 2016, pero ese exceso foi producido na meirande parte por culpa da política de recortes que López Veiga ven aplicando dende a súa entrada no Porto de Vigo en 2015, e que incluíu unha redución do 10 % do cadro de persoal”.
Neste senso, indican que aínda que ese exceso de 76.000 euros é real, López Veiga e Beatriz Colunga, a directora da APV, “non contan toda a verdade e manexan as cifras como lles vén en gaña, e non contan que no que se refire á masa salarial xeral da APV a diferencia é de 400.000 euros por debaixo da asignada (debido tamén a esa política rácana e austera, sempre en contra do traballador/a)”.
Diante disto, sosteñen que se con estes datos o presidente da APV non é quen de rebatirlle a advertencia a Portos do Estado “non nos estraña que o Porto de Vigo se estea a afundir de maneira alarmante e se sigan a perder tráficos e que as grandes navieras marchen para os portos veciños”. Finalmente, amosan o seu convencemento de que López Veiga seguirá a buscar culpábeis desta situación fóra do organismo que preside “pois a autocrítica parece que non vai con el”.