O comité de empresa de Vitrasa reúnese coa dirección e co Concello sen lograr avances no conflito laboral
O conflito laboral en Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, vai camiño de cronificarse ante a falta de resposta tanto da empresa como do Goberno local. No día de onte o comité mantivo dúas xuntanzas cos responsábeis municipais e coa dirección de Vitrasa, sen que se tivesen dado pasos para avanzar nunha solución, xa que a empresa négase a negociar o convenio e o Concello considera que os continuos incumprimentos da compañía son cuestións que ten que solucionar Inspección de Traballo.
Segundo explican dende a representación do cadro de persoal, na reunión co concelleiro responsábel do servizo demostraron con informes de Inspección de Traballo diferentes incumprimentos reiterados como exceso de horas extras, falta de vestiarios e incumprimentos diversos do convenio colectivo.
“Con todo, e a pesar do prego de condicións di claramente no seu artigo 37 que o Concello estará facultado para esixirlle a xustificación de ter cumprido todas e cada unha das obrigas de carácter laboral e de seguridade social en relación cos seus empregados/as, o Concelleiro limitouse a botar balóns fóra dicindo que son cuestións que ten que solucionar a autoridade laboral”.
Por iso o comité lle reclamou que se lle retire a concesión a Vitrasa “porque tras aceptar de maneira temeraria continuar coa concesión o único que está a facer son recortes para aforrar custos, recortes que están a repercutir gravemente tanto na calidade do servizo como nas condicións laborais dos traballadores/as”.
Convenio caducado
Neste senso, denuncian que a pesar do aumento da tarifa dous anos seguidos, un posíbel reequilibrio económico por parte do Concello e unha ampliación da concesión por cinco anos, a dirección insiste en non negociar un novo convenio. Así o confirmaron os interlocutores da empresa na xuntanza mantida onte pola tarde co comité, “na que nos reiteraron a súa negativa a negociar calquera tema relacionado co convenio colectivo”.
Finalmente, dende o comité aseguran non entender as últimas declaracións realizadas por Vitrasa, “xa que temos un convenio propio asinado por ambas as partes e caducado dende o ano 2020”. Ademais, queren aclararlle ao alcalde que a empresa non conseguiu o seu obxectivo de reducir un 30% os salarios grazas á resolución do Consello Galego de Relacións Laborais, que foi ratificada polo Xulgado do Social nº1 de Vigo “e non á súa intervención, como manifesta nas súas declaracións”.