O comité de Vitrasa impugnará os servizos mínimos “abusivos” impostos unha vez máis polo Concello
O comité de empresa da Vitrasa ofreceu hoxe unha rolda de prensa diante do Concello de Vigo para anunciar que vai impugnar os servizos mínimos “abusivos” impostos unha vez máis polo Goberno local, que en ocasións anteriores xa viu como o xulgado do Contencioso-Administrativo resolveu que eran “desorbitados” e que vulneraban o dereito de folga. Dende a representación dos traballadores/as da concesionaria de transporte urbano valoraron moi positivamente a resposta do cadro de persoal aos paros parciais que se están a desenvolver dende o pasado mércores día 2 para reclamar a negociación dun convenio colectivo digno, unha vez que o actual leva case dous anos caducado.
Durante a comparecencia o presidente do comité, Imanol Arnoso, da CIG, saíu ao paso das afirmacións do concelleiro de Fomento e segundo tenente de alcalde, Javier Pardo, nas que acusaba a representación dos traballadores/as de mentir a respecto dos servizos mínimos. Arnoso recoñeceu que o decreto de servizos mínimos do Concello contempla 25 autobuses de 8:00 a 9:00 horas e outros 25 de 14:00 a 15:00 horas, o que suporía un 25% dos 102 autobuses habituais en cada unha desas franxas horarias, porcentaxe que o edil asegurou que se corresponde cos servizos mínimos fixados.
“O que se esqueceu de comentar o concelleiro foi que no decreto fálase tamén das expedicións xa iniciadas á hora de comezo dos paros, establecéndose que deberán finalizar o seu traxecto completo até final de liña, permitindo a subida e baixada de viaxeiros/as”, sinala o presidente do comité. Ao tempo que indica que no propio decreto se cita textualmente que as viaxes que realicen estes vehículos até final de liña serán consideradas servizos mínimos a todos os efectos.
En consecuencia, os servizos mínimos totais non son os 25 autobuses que sostén o edil, xa que habería que sumarlle os vehículos que xa están en ruta ao inicio dos paros: 50 pola mañá e 55 pola tarde, o que eleva a porcentaxe de servizos mínimos até o 75% pola mañá e até o 80% pola tarde. “Por iso cando lemos o decreto pensamos que houbera un erro, xa que era a porcentaxe de servizos mínimos máis alta decretada nas últimas mobilizacións; e temos que lembrar que xa en dúas ocasións anteriores o xulgado decretou que os servizos mínimos impostos eran ilegais; pero falamos co concelleiro e asegurounos que non había ningún erro”.
Entón o comité propúxolle que estes vehículos continuasen o seu traxecto pero sen coller máis viaxeiros/as, unicamente deixando nas paradas correspondentes a aquelas persoas que xa viaxaban no momento do inicio dos paros, pero o responsábel municipal negouse en rotundo. ·”Deste xeito o noso dereito de folga vese vulnerado unha vez máis, porque hai persoal de condución que só pode exercelo 10, 15 ou 20 minutos”.
Diante disto, o comité vaille reclamar por escrito ao Concello que corrixa o decreto dos servizos mínimos no sentido de que os autobuses que se atopen en traxecto ao inicio dos paros poidan deixar de coller viaxeiros/as, “e en caso de que non acepten a proposta estudaremos ampliar os horarios dos paros, sen descartar incluso convocar unha folga total no futuro, porque a empresa continúa negándose a negociar a renovación do convenio”.
Éxito dos paros
Con todo, e a pesar dos atrancos que está a poñer o Concello ao decretar uns servizos mínimos abusivos encubertos, dende o comité de empresa valoran moi positivamente o seguimento dos paros por parte do cadro de persoal. “Estamos moi satisfeitos pola resposta dos traballadores/as, aínda que recibimos moitas queixas de persoas que non poden parar a pesar de que queren facelo”, comenta.