O comité de Vitrasa adía até o 2 de novembro os paros para forzar a negociación do convenio
O comité de empresa da Vitrasa, concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, anunciou hoxe que adía até o vindeiro 2 de novembro o inicio dos paros parciais convocados para forzar a compañía a negociar o convenio colectivo. A asemblea de traballadores/as acordara comezar os paros mañá 21 de outubro, pero a dirección comunicoulle á representación do cadro de persoal a existencia dun posíbel defecto de forma e a posibilidade de recorrer as mobilizacións, podendo lograr a súa suspensión e incluso o pago dunha multa por parte do comité.
E iso a pesar de que, tal e como sinalan dende a representación legal dos traballadores/as, a convocatoria dos paros foi notificada de igual xeito que en ocasións anteriores, polo que lamentan que “este proceder da empresa demostra que, lonxe de intentar buscar unha solución ao conflito, emprega calquera artimaña para evitar o noso dereito constitucional á folga”.
A asemblea de traballadores/as de Vitrasa acordara recentemente convocar paros parciais dunha hora por quenda de traballo para forzar á empresa a negociar o convenio colectivo, caducado dende xaneiro de 2021. Os paros desenvolveranse de 8:00 a 9:00 horas, de 14:00 a 15:00 horas e de 00:00 a 1:00 horas para o persoal de condución. Pola súa banda, para o persoal de taller serán de 11:00 a 12:00 horas, de 17:00 a 18:00 horas e de 00:00 a 1:00 horas; e para o de administración entre as 11:00 e as 12:00 horas.
Na asemblea o comité de empresa expuxera a necesidade de negociar un convenio que, entre outras melloras, actualice os salarios, conxelados desde a caducidade deste. Consideran ademais imprescindíbeis melloras no desenvolvemento do seu traballo, como regular o descanso diario, reducir a xornada máxima -que actualmente pode chegar a 10 horas- ou nova rotación de descansos, entre outras cuestións.
Servizos mínimos axustados á legalidade
O comité lembrara que os servizos mínimos impostos polo Concello en anteriores mobilizacións foron declarados abusivos e vulneradores do dereito á folga por dous xulgados da cidade. Por is demandan que, nesta ocasión, se axusten á legalidade.
Con todo, avanzaba que até a data de inicio das mobilizacións seguirán agardando unha chamada da empresa para solucionar as diferenzas. “Non resulta comprensíbel que, malia o importante incremento de viaxeiros e viaxeiras, recoñecido publicamente pola propia empresa e propiciado por máis axudas públicas, a dirección manteña a mesma postura inmobilista”.
O comité cualificaba ademais de “lamentábel que unha empresa que realiza un servizo público esencial, unicamente se preocupe da súa rendibilidade ante a pasividade do Concello, deixando en segundo plano a calidade do servizo (recorte de liñas, de frecuencias, flota obsoleta, etc) e as condicións laborais do seu persoal.